Por Galicia Confidencial | | 23/06/2023 | Actualizada ás 09:58
O Centro Internacional de Prensa de Galicia de Santiago de Compostela acolleu o pasado mércores a presentación de Xeración Contrainfo e A Tribo, nunha xornada organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), coa colaboración da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela e o Centro Internacional de Prensa de Galicia (CIPG). Diana Viveros, Helena de Lima e Viktoria Sousa (Ryuu), protagonistas dos proxectos, expuseron os resultados destes programas centrados na loita contra os discursos de odio e o traballo de mozos e mozas vulnerables sobre a saúde mental. O acto foi introducido por Sonia Díaz, do equipo de organización de Agareso, quen salientou que “necesitamos que as persoas migrantes, xitanas e vulnerables teñan acceso á representación mediática de maneira máis directa”.
XERACIÓN CONTRAINFO
Xeración Contrainfo foi un programa desenvolvido con alumnado de Secundaria da Coruña, Lugo e Compostela, co que se traballaron os discursos de odio, coa colaboración das entidades Sen Valos, Arraianas e a Fundación Secretariado Xitano. Tras unha enquisa nas aulas, os datos reflicten que existe un discurso racista e machista evidente entre o alumnado, que tivo acceso a escoitar ao testemuño de persoas obxecto dese odio para poder empatizar coa poboación que sofre ese tipo de discursos.
Unha desas persoas é Diana Viveros, unha muller colombiana que reside en Santiago dende hai poucos meses, que relatou na sesión a súa experiencia co racismo na cidade. "Se hai unha cadeira baleira no autobús é a que está ao meu lado", sinalou como un exemplo cotián de comportamentos racistas que atopou na rúa, nas oficinas de atención das diferentes administracións públicas ou nas entidades bancarias.
A TRIBO
Esta terceira edición estivo capitaneada por rapazada titelada, ex-titelada, migrante ou vulnerable social nesta edición. Helena de Lima e Viktoria Sousa (Ryuu), relataron como a saúde mental foi o tema escollido para os seus traballos de comunicación este ano, que se materializaron en dúas curtas de ficción, entrevistas e unha campaña co lema A nosa saúde mental (tamén) depende de ti.
A Tribo é unha experiencia de comunicación participativa deseñada por Agareso e Igaxes que conta co apoio da Fundación “la Caixa” dende 2018. O programa busca que rapazada tutelada, ex-tutelada, migrante ou vulnerable social ou economicamente o tome a palabra para falar de si mesma desde un traballo xornalístico cidadán. As protagonistas da xornada enviaron unha mensaxe aos xornalistas para non reproducir estereotipos ferintes das persoas migrantes e aborden con empatía as informacións que elaboran nos medios de comunicación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.