Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/07/2023 | Actualizada ás 22:00
"Fai as cousas ben, sé serio e pensa sempre nos demais". Eran os consellos que lle deron a Feijóo os seus avós e pais e que el, agora, tamén dá para prosperar na vida. Este foi o principal "leitmotiv" da vida do líder do PP que tentou cumprir, un "xeito de ser" do que presumiu nun vídeo que presentou este domingo e no que repasa a súa biografía política e persoal.
Unha biografía na que conta moitas cousas, pero na que cala outras moitas. É esa "cara B" que Galicia Confidencial tenta agora lembrar para que esa biografía de Feijóo sexa o máis completa posible.
"EU DÚCHOME TODOS OS DÍAS"
A primera gran polémica pública do entón vicepresidente e conselleiro de Política Territorial ten lugar en setembro de 2004. Feijóo referiuse aos recentes cambios na Xunta de Galicia e á entrada na Conselleria de sanidade de José Manuel González, imputado no caso aspergilus no que morreron seis pacientes dun hospital de Vigo. Núñez Feijoo defende os cambios e di que el non ten ese fungo infeccioso porque se ducha todos os días.
"O nomeamento dos conselleiros é unha competencia exclusiva do presidente. No caso do Conselleiro de Sanidade, no caso de agricultura e no caso de Asuntos Sociais acertouse plenamente", asegurou Feijoo ao ser preguntado. Acto seguido engadiu: "Eu pódolle asegurar que me ducho todos os días e que non teño aspergilus e eu espero que vostede tamén".
O avogado das familias das vítimas, Alfonso Iglesias, cualificaba de "falta de respecto tanto cara aos falecidos como cara aos achegados" as palabras do vicepresidente da Xunta. Tamén o portavoz da plataforma en defe nsa da sanidade pública, Manuel Martín lembraba que a morte de seis persoas por aspergilus non teñen nada que ver coa hixiene persoal senón co mal estado dos quirófanos nos que foron atendidos e o PSOE consideraba as súas palabras un "insulto intolerable a todos os mortos por aspergilus".
Núñez Feijoo: "Yo me ducho y no tengo aspergilus" https://t.co/j9mzchH7WE
— GC (@DirectorGalicia) July 3, 2023
"VOU SER BREVE PORQUE QUEDEI CON MARÍA MERA"
"Entendo que foi un acto distendido a unha festa que se me invitou e, por suposto, acepto totalmente e absolutamente as críticas que se fagan neste acto". Así respondía Feijóo en abril de 2010 tras trascender un vídeo no que, tras acudir a unha cea con simpatizantes en Boqueixón, facía varios comentarios sobre a actriz María Mera.
"Vou ser breve porque quedei con María Mera a partir da unha en ir tomar unha copa. De momento díxome que non, pero vouno a intentar", dicía o líder conservador no seu discurso. "E de aquí ata que se organice a festa, eu vou seguir falando con María Mera para ver se teño algunha posibilidade", chanceaba. As declaracións foron tildadas de "machistas" polos partidos da oposición e mesmo criticadas por algúns dos mozos participantes nesa cea como tamén se pode apreciar no video.
OS MOMENTOS DE "OCIO" CON MARCIAL DORADO
"Todas las veces que coincidí con esta persona fue por coincidencia con un compañero de trabajo de mi juventud". Así explicaba Alberto Nuñez Feijóo unha polémicas fotos no iate do contrabandista Dorado Baulde, hoxe en prisión por un alixo de cocaína. Era en abril de 2013. Un escándalo maiusculo que acabou en nada.
O "compañero de trabajo" que puxo en contacto a Feijóo con Marcial Dorado Baulde é o falecido Manuel Cruz López, chófer do superior de Feijóo na Consellería de Sanidade, Romay Beccaría. Por entón, a mediados dos 90, tamén actuaba presuntamente como testaferro da rede de narcotraficantes.
Sempre que se lle preguntou por esta cuestión, Feijóo dixo que "tiña a conciencia tranquila" porque descoñecía as actividades ilícitas de Dorado. O líder do PP sempre mantivo as súas viaxes co narco eran só "momentos de ocio".
NON QUERÍA METERSE EN POLÍTICA
E todo isto foi mentres Feijóo ocupaba un cargo político. Iso a pesar de que el mesmo dixo que, ao pouco tempo de aprobar unha oposición da Consellería de Facenda, rexeitou entrar en política. Era para un cargo na Secretaría xeral da Consellería de Agricultura. "Era un cargo de designación política e iso supuña algo que non quería, meterme en política. E dixen non", explica. Pouco despois, e pola súa "forte vocación de servizo público ", decide aceptar. "Milagrosamente o posto seguía vacante". A partir de entón comezaba a meteórica carreira de quen hoxe é aspirante á Presidencia do Goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.