O PP afea os "clásicos de verán" da oposición, que se une para censurar o "peche de camas" no Sergas

Os populares tombaron unha moción do Bloque que reclamaba un plan de continxencia para reforzar os recursos en atención primaria e hospitalaria no verán.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2023 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O PP censurou os "presaxios negros" dos grupos da oposición sobre a sanidade durante a tempada estival que, para os populares, constitúen un "clásico do verán", despois de que BNG e PSdeG alertasen sobre a "situación límite" na que ven ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), especialmente ante o "peche de camas" durante estes meses.

Na sesión plenaria do Parlamento galego celebrado este martes, os votos dos populares tombaron unha moción do Bloque que reclamaba un plan de continxencia para reforzar os recursos en atención primaria e hospitalaria no verán. O texto, que contou co apoio do PSdeG, foi defendido pola deputada nacionalista Montse Prado, que alertou de "unha situación de excepcionalidade permanente" na sanidade galega que, di, non pode ser tapada polo "teatrillo" do PP porque é percibida polos galegos cando "teñen que esperar semanas" para ter citas médicas.

"O PP non consegue tapar con propaganda a grave situación da sanidade pública, os gravísimos problemas estruturais consecuencia de 14 anos de recortes", remarcou Prado para, a continuación, sentenciar que detrás das estatísticas "hai persoas, con nomes e apelidos, que sofren polas súas doenzas".

Fronte a iso, a deputada do PP Encarna Amigo acusou á oposición de "tirar do argumentario de cada verán" para "volver aos seus presaxios apocalípticos" sobre a situación de sanidade cando, segundo a popular, a atención está "totalmente garantida" e o que se fai é "reorganizar" recursos como noutras comunidades "gobernadas por socialistas ou nacionalistas".

Tamén interveu neste punto o deputado do PSdeG Julio Torrado, que lamentou que "o único que non se vai de vacacións no verán son as ganas do PP de recortar". Así, quixo responder que se trata dun asunto de persoal ante o argumento da Xunta e o PP de que non se producen peche de camas porque os recursos seguen dispoñibles no verán.

"Aínda que as camas non se movan de alí, se non hai persoal non se poden usar; igual que non podo ir á universidade no verán porque, aínda que as clases seguen alí, non hai profesores", espetou Torrado.

Protesta dos sindicatos polo peche de camas do Sergas no verán e a privatización da sanidade pública
Protesta dos sindicatos polo peche de camas do Sergas no verán e a privatización da sanidade pública | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta