Por Galicia Confidencial | A Coruña | 04/07/2023 | Actualizada ás 22:00
“Reivindicar a homes como José Manuel Romay Beccaría é reivindicar a etapa máis gloriosa da nosa historia recente e supón reivindicar o papel da boa política. Da súa traxectoria aprendemos que pensamento e acción son necesarios para transformar a realidade”. Núñez Feijóo non escatimou nunca eloxios para quen foi o seu "padriño" político, un home co que entrou na órbita do PP e a quen acabou situando de man dereita de Manuel Fraga.
Pero como foron eses inicios políticos de quen acabou liderando o Partido Popular e que acabou baixo a longa capa dun dos pesos pesados da antiga Alianza Popular en Galicia?. Situemonos a finais dos anos 80. No ano 88, tres anos despois de acceder como interino da Xunta na Consellería de Facenda, Feijóo encabeza a candidatura da Asociación de Funcionarios Interinos e Contratados Administrativos (Afica). Con este sindicato gaña as eleccións e pasa a ser delegado sindical. Un posto ao que lle colle gusto, tanto gusto que lle sirve para dar o salto político.
Estamos xa a comezos dos noventa. "Aos tres ou catro anos chegoume unha oportunidade. Ser secretario xeral dunha consellería. Era un cargo de responsabilidade política, algo que non quería, meterme en política, e dixen que non. Aos dous meses, ante a insistencia da persoa que mo propuxera, e vendo que, o posto, milagreiramente, estaba vacante, dixen si. Ao final era unha oportunidade de mellorar que é o que quere calquera persoa". Así explica o propio Feijóo este chimpo á area política nun vídeo no que repasa toda a súa vida de cara aos comicios do 23X.
Esa persoa que o chamou era Romay Beccaría, un peso pesado na Xunta de Albor que mirou potencial político nese mozo sindicalista e lle ofreceu a secretaría xeral da consellería e a do Sergas. "Co tempo, José Manuel Romay Beccaría, o conselleiro que me nomeou en Agricultura e logo na Consellería de Sanidade, foi nomeado ministro de Sanidad, e propúxome mellorar a sanidade en España cando a sanidade non estaba transferida a todas as autonomías". E xa convertido en home de confianza do novo minisro, Feijóo dá o salto a Madrid. Pouco despois, cambia o ministerio pola presidencia de Correos e en 2002, tamén impulsado por Romay Beccaría, acabaría na Xunta como vicepresidente.
A VIDA POLÍTICA DE ROMAY
Pero quen é Romay Beccaría nesa altura?, que poder político ten?. Para entendelo hai que botar a vista atrás e ir á época franquista. O seu pai, Emilio Romay Montoto, fora xa alcalde de Betanzos e logo presidente da Deputación da Coruña e deputado en Cortes durante a Dictadura de Francisco Franco. José Manuel, o fillo, seguiu o camiño do pai e, tras licenciarse en dereito, é nomeado Secretario Xeral de Sanidad, cargo no que permanece ata 1966 e cargo moi similar para o que fichou a Feijóo. Retoma a súa praza como letrado, ata asumir en 1973 a dirección do Instituto de Estudios de Administración Local. Permaneceu poucos meses nese cargo, pois en 1974 foi nomeado Subsecretario de Presidencia, e en 1975 Subsecretario de Gobernación.
Xa en democracia, regresa a Galicia en 1982 para ocupar a vicepresidencia do primeiro goberno da Xunta de Galicia. Foi tamén deputado no Parlamento galego e, coma o pai, presidente da Deputación da Coruña, cargo onde permanecerá ata 1989, cando foi nomeado Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Forestal do goberno galego. Ó ano seguinte asumiu a Consellería de Sanidade, permanecendo no cargo ata 1996 cando volve a Madrid como ministro de Sanidad y Consumo. Ostentou a carteira ministerial ata 2000. En 2003 foi nomeado presidente do Consello de Estado de España, cargo no que permaneceu ata o 2018.
O TRÍO POLÍTICO
A principios dos anos 90, ato tempo que ficha a Feijóo, Romay Beccaría tamén nomea a súa sobriña, Carmen Martín de Pozuelo Romay, asesora de Sistemas de Información dese departamento. A relación aumenta e afianzase en 1996 cando Romay asume o ministerio de Sanidade a onde leva a Feijóo como secretario xeral de Asistencia Sanitaria e a Carmen Martín asesora de Sistemas da Información repetindo o esquema da Xunta.
En 1998 salta a primeira polémica, Sanida merca 17.512 terminais sen a letra ñ. A oposición pide explicacións no Congreso dos Deputados. O deputado Feliciano Blázquez apunta co dedo á responsabilidade da sobriña de Romay.
Dende o estrado, Feijóo defende con uñas e dentes á acusada: “Vostede fala tamén desa asesora executiva do ministro. Mire vostede, mentres o ministro teña confianza na miña persoa e mentres eu teña algunha responsabilidade en informática, esa será a persoa da que sempre me rodearei para estes temas; sempre, antes e despois”.
ENTRE EN XOGO UNHA GRAN EMPRESA
Tres anos despois, Feijóo, xa como presidente de Correos, volve fichar a Martín de Pozuelo Romay como a súa directora de Tecnoloxía e Sistemas. Unha relación que se afianza cando o líder do PP é chamado por Fraga como Conselleiro de Obras Públicas. Con el trae á sobriña de Romay como directora de Sistemas de Información.
Tras a perda da Xunta, Martín de Pozuelo Romay acabará fichada como directiva para a empresa Atos Origin en Madrid, mentres que Feijóo acaba liderando o PP de Galicia. Pero, que relación había entre Feijóo, a sobriña de Romay e esta empresa tecnolóxica?
En Xuño de 2004, Atos Origin (daquela chamada só 'Atos') logra a súa primeira gran adxudicación da Xunta, precisamente do departamento que lideran Feijóo e Martín de Pozuelo Romay. Nunha UTE con Coremain, Atos encargarase do centro de xestión informática de Política Territorial a cambio de 1,6 millóns.
Unha relación político-empresarial que se incrementará coa chegada de Feijóo á Presidencia da Xunta. Desde 2009, con Martín de Pozuelos como alta directiva de Atos Origin, esta empresa multiplica os seus negocios coa Xunta dende a vitoria de Feijóo até o punto de ofertar dez postos de traballo nunha nova sede en Santiago. e gañar concursos de varios millóns. Cuestionado no seu día polo aumento dos contratos a Atos, Feijóo mostrouse visiblemente molesto coa prensa. "Sería bo non lanzar cuestións que non son certas e afectan á honorabilidade de persoas que non poden defenderse", advertía. A relación continúa ata hoxe, entre as últimas adxudicacións, o servizo de xestión do 112 en Galicia pechado en época de Feijóo como presidente da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.