Pasos a nivel: os pasos a extinguir nos camiños de ferro

O accidente no paso a nivel de Recimil (Lugo) ocorrido o 12 de xullo, con dous mortos e un ferido grave, volveu a poñer no ollo de mira estas infraestruturas onde cruzan dous tipos diferentes de vías. As novas directrices de seguridade ferroviaria europea piden a supresión destes puntos polos seus riscos e a súa substitución por pasos elevados ou subterráneos.

Por Moncho Mariño | Santiago | 30/07/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A figura do paso a nivel está sendo eliminada de maneira paulatina dentro da rede ferroviaria en todo o Estado. Algúns deles supoñen para o operador das infraestruturas ferroviarias ADIF, un sobrecusto adicional en mantemento, sobre todo os pasos de barreiras, con sinais luminosas ou con son. En Recimil existe un sinal de STOP máis unha “aspa” para obrigar a parar antes de cruzar. Sobre este paso en concreto Adif responde que: “en este caso, este paso a nivel es público y cuenta con la protección que determina la ley, por lo que en base a la normativa no requiere actuaciones adicionales”. Actualmente a normativa para pasos a nivel recóllese no “Real Decreto 929/2020, de 27 de octubre, sobre seguridad operacional e interoperabilidad ferroviarias”.

Vista do choque do tren a un coche nun paso a nivel, a 12 de xullo de 2023, en Lugo, Galicia (España). Un tren arroiou hoxe a un coche con tres ocupantes nun paso a nivel sen barreiras na parroquia de Recimil, no municipio de Lugo. O sinie. Carlos Castro - Europa Press
Vista do choque do tren a un coche nun paso a nivel, a 12 de xullo de 2023, en Lugo, Galicia (España). Un tren arroiou hoxe a un coche con tres ocupantes nun paso a nivel sen barreiras na parroquia de Recimil, no municipio de Lugo. O sinie. Carlos Castro - Europa Press

PASO DE RECIMIL

Desde a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, o seu secretario, Luis Abel, remarca que “nós temos enviado alegatos e sabemos que xusto nese paso a nivel (Recimil) se ía construír un paso subterráneo, o que sucede é que as obras tardan, entre licitacións e permisos”. Sobre este extremo, o propio Adif responde: “El proyecto de supresión está redactado y en breve se iniciará el proceso de licitación que, previsiblemente, se lanzará en el último trimestre de este año”.

Logo do accidente, veciños das parroquias de Coeo e Recimil falaron coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, para abordar o problema da sinalización no paso a nivel. “Entre as diferentes alternativas está a da colocación dun semáforo, máis aló diso, levamos anos insistindo para termos unha solución”.

O Concello de Lugo, nunha nota de prensa, confirmou o encontro onde a alcaldesa Lara Méndez: “comprometeuse a falar cos máximos responsables do Adif no Goberno na procura dunha maior seguridade da vía do ferrocarril neste punto do termo municipal”. Na mesma nota tamén se indica que “segundo a veciñanza, unha das posibles solucións consiste no incremento da sinalización semafórica”.

PASOS A NIVEL: LENTA ELIMINACIÓN

Segundo a Directiva Europea de seguridade ferroviaria, os pasos a nivel son elementos a eliminar debido ao perigo que supoñen. Segundo esta normativa o paso de Recimil entraría na clase P deste tipo de infraestruturas: pasos a nivel con protección pasiva, non teñen ningún sistema de aviso ou protección que avise á persoa usuaria da chegada do tren. Ademais “terán un itinerario exclusivo para peóns, independiente da calzada da estrada, agás aqueles casos onde o administrador das infraestruturas xustifique a súa imposibilidade”.

Segundo o establecido na no RD 929/2020, o paso de Recimil contaría con: “señales horizontales y verticales colocadas en la carretera o camino, que avisan al conductor del vehículo de la proximidad del paso a nivel y de su protección”. En base a isto, Adif reafirma a súa posición: “este paso a nivel es público y cuenta con la protección que determina la ley, por lo que en base a la normativa no requiere actuaciones adicionales”.

Os pasos a nivel están sendo eliminados pouco a pouco pois para Adif son un problema, tanto se son protexidos con barreiras ou con sinais lumínicas ou verticais” di Mario Franco da UGT. “No caso de Recimil, si estaba protexido por un sinal vertical de STOP e aspa”. A pregunta que xorde a continuación é por que agora se decide a eliminación deste tipo de cruzamentos entre infraestruturas. “Reducen a operatividade, segundo Adif, ademais que algúns son instalacións moi complexas de reparar”.

Unha avaría en calquera sistema electrónico nun paso con barreiras ou sinais lumínicos implica unha reparación complexa, ademais de posibles atrasos e accidentes. “Os pasos de barreira son os que máis mantemento necesitan non como os outros, por iso buscan a eliminación de todos os pasos a nivel” di Gregorio Bermejo de CC.OO. “Na liña de Ferrol Ribadeo non hai pasos a nivel, si pode haber o que chamamos “pasos viciosos” creados pola xente para pasar dunha finca a outra ou aforrar un traxecto máis longo”.

Dalgunha maneira o mantemento pode implicar un accidente? “Non, o mantemento non implica accidentes, ao revés, mais si reclamamos a Adif que non haxa tanta subcontrata nestes traballos e sexan realizados por persoal propio de Adif” reclama Diego Pascual da CGT. “A liña que vén de Zamora e vai entre Ourense e O Carballiño non ten pasos a nivel, son todos elevados, mentres que a liña en dirección a Lugo son moi abundantes, hai pouco realizáronse obras nun tramo onde se eliminaron dezasete destes pasos”.

Volvendo ao mantemento das liñas, estaba o paso de Recimil en obras de reparación? “No. En el entorno de este tramo se desarrolla la ejecución de una subestación eléctrica, que forma parte del proyecto de electrificación de esta línea, pero en estos momentos no se actúa sobre la infraestructura en este tramo”.

A extinción dos pasos a nivel estase a realizar en base a normativas europeas de seguridade ferroviaria. Por outra parte, ante as novas esixencias do mercado e das demandas dos usuarios, estes puntos parecen ser un problema de cara á efectividade do transporte por tren, outro punto a favor de retirar estas infraestruturas. De todas maneiras, Recimil será retirado mais até daquela, veciños e veciñas piden a mellora da seguridade nese punto.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta