A taxa turística en Compostela, posible freo á masificación?

As pintadas en pórticos da catedral, comportamentos incívicos por parte de turistas na Praza do Obradoiro, masificación irrespectuosa coa convivencia coa veciñanza da cidade e incumprimento dos regulamentos de tráfico urbano. Son só uns poucos puntos do catálogo que ofrecen asociacións de veciños para unha taxa turística. O Concello de Santiago remitiulle á Xunta unha proposta de gravame sobre estadías turísticas ante a presión de visitas e a pegada que deixan na cidade.

Por Moncho Mariño | Santiago | 22/08/2023 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

O documento 'Unha taxa para un turismo máis sostible' do catedrático César García Novoa, é a base coa que o actual goberno local de Santiago de Compostela presentoulle á Xunta un modelo de recadación ante a elevada (masificada segundo motos colectivos composteláns) incidencia turística na cidade. O informe recolle nun dos seus parágrafos que “Unha das magnitudes máis interesantes é a relativa ao número de visitantes (incluíndo os que pasan a noite e os que non) por habitante da cidade visitada, que reflicte a presión turística. En datos relativos a temporada alta (agosto de 2022), Compostela rexistrou 1,15 visitantes por habitante, cifra sorprendentemente alta e máis elevada que a doutros destinos turísticos como Barcelona (0,44 visitantes por habitante), Palma de Mallorca (0,77) ou Granada (0,64). Trátase dunha contía moi significativa, porque revela o impacto turístico da masificación en cidades non moi poboadas, como é o caso de Santiago de Compostela”.

Un grupo de turistas consulta unha carta na terraza dun bar en Santiago de Compostela
Un grupo de turistas consulta unha carta na terraza dun bar en Santiago de Compostela | Fonte: César Argina - Europa Press

A masificación, segundo o documento, deixa unha serie de pegadas como son altas concentracións de persoas en puntos moi reducidos da área monumental e con “fraxilidade patrimonial”. Nese sentido, o coidado da cidade e do seu patrimonio leva parello un custo elevado tanto para as arcas municipais como autonómicas, tamén con competencias en turismo.

POSIBLES EFECTOS DA TAXA

“O Estatuto de Capitalidade de Santiago fai que o goberno galego destine un millón de euros á cidade, unha cantidade insuficiente para facer fronte a elementos como limpeza, coidado do mobiliario urbano e outras tarefas” di David Ríos da Asociación de Veciños de Vista Alegre. “A taxa turística debe traducirse nun reinvestimento na cidade para o mantemento dos equipos de limpeza, a reposición de material urbano” destinado á recollida de lixo.

“A recollida dos restos que quedan tirados logo do paso dos turistas, o uso de servizos por parte das persoas que chegan á cidade, todo iso non temos que pagalo os veciños” sinala Roberto Almuíña, da Asociación de Veciños da Cidade Histórica de Santiago. “Eses custos deben pagalos quen fai uso deles, os hoteis, as pensións ou os pisos turísticos son os que deberan recadar” as posibles taxas.

Un grupo de turistas canta cunha tuna nunha praza de Santiago de Compostela
Un grupo de turistas canta cunha tuna nunha praza de Santiago de Compostela | Fonte: César Argina - Europa Press

A recadación revertería parte dos ingresos privados en beneficio para a cidade en tanto reforzo orzamentario, mais tamén pode ser un sistema de freo a comportamentos considerados incívicos froito do “tsunami” de turistas. “A Santiago non lle interesa o mesmo modelo de turismo que busca a Xunta” di Almuíña, un turismo baseado no simple beneficio. “Antes a xente viña mercar produtos de calidade, hoxe en día están as tendas recordos” di David Ríos. “Xa hai anos que o turismo relixioso, só por cuestión de fe, acabou sendo mínimo”.

O presidente de www.hostalaria.gal, Lois Lopes, despois dunha reunión co anterior goberno local de Sánchez Bugallo, manifestaron a súa posición en contra de aplicar a taxa como unha maneira de “cubrir servizos que provoca a actividade turística como son a recollida de lixo ou saneamento, para iso pagamos uns impostos, por tanto, non cremos que esa taxa deba servir para pagar custos”.

“Non estamos en contra da taxa turística” insiste Lopes. “Consideramos necesario desenvolver esta idea e saber cara onde se destinarán eses recursos” di o presidente de www.hostalaria.gal. “Esta taxa debe repercutir en toda a sociedade en ámbitos como o medioambiente, recuperación e mantemento do patrimonio da cidade” aclara Lopes.

TODO VALE?

“A Praza do Obradoiro estaba este venres (18 de agosto de 2023) chea de xente pola mañá, mesmo grupos de persoas con caixas de cervexa, iso non debera ser así, mesmo as terrazas dos locais acabaron ocupando máis espazo do establecido nas ordenanzas municipais” apunta Almuíña. “A masificación ten, entre outros efectos, a aparición de vandalismo, grupos de presuntos peregrinos que cantan 'que te vote Txapote' por exemplo, quen fai iso non é por fe, e dígoo eu que son católico practicante” subliña David Ríos.

“Temos escoitado numerosas veces as queixas dos veciños da Rúa de San Pedro ante a chegada das vagas de ciclistas que baixan en dirección prohibida sen que as autoridades digan nada” describe Roberto Almuíña. “Algúns deles son ciclistas que cando chegan á cidade van onde o Centro de Acollida, recollen a credencial e logo montan as bicicletas en vehículos sen deixaren un céntimo na cidade”.

“Nós non estamos a favor de falar dunha turistificación en Santiago. Si é certo que hai épocas e puntos moi concretos como son o Camiño Francés e os arredores da Catedral, onde a convivencia pode ser alterada” di Lopes.

Con todo isto, o tres de agosto de 2023 a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, remitiulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a documentación sobre a taxa turística e como se podería aplicar de maneira práctica. Un día antes, a concelleira de Turismo de Santiago, Miriam Louzao, mostrou os datos da Oficina de Peregrinos que indicaban un incremento de 20.000 persoas con respecto ás mesmas datas en 2022.

Ante isto, a concelleira destacou a necesidade dun “modelo turístico baseado nun turismo consciente, responsable e sustentable no tempo”. Isto último incluía a aplicación dun Código de Boas Prácticas e a taxa turística.

A Xunta de Galicia, con competencias en turismo, de momento non manifestou a súa posición ante a proposta do Concello de Santiago, mais o presidente Alfonso Rueda o día 26 de xullo de 2023 apuntou que a resposta do executivo galego “non será nunha semana”.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta