Por Europa Press / Redacción | MADRID | 01/09/2023 | Actualizada ás 16:18
Paula Carballeira Cabana foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática, correspondente ao ano 2023, pola súa obra 'As alumnas' (Editorial Galaxia), a proposta do xurado reunido este venres 1 de setembro. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 30.000 euros.
O xurado destacou a obra da autora galega "por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate", segundo informa o Ministrerio. "Polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propuña a II República", engade.
Así mesmo, o xurado quixo pór en valor como "a autora, a través dunha investigación rigorosa, propón ao público un texto que homenaxea a todos os mestres e ao modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada". O premio recoñeceu na súa pasada edición a Josep Maria Mirou Coromina, uníndose a unha ampla lista de galardoados, entre quenes se atopan Pablo Remón, Guillem Clua, Alberto Conejero, Yolanda García Serrano, Alfredo Sanzol, Juan Mayorga ou Angélica Liddell, entre outros.
O xurado estivo presidido por María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte; e como vicepresidenta actuou Almudena Hernández da Torre Chicote, subdirectora xeral adxunta da Subdirección Xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas do Ministerio de Cultura e Deporte.
Como vogais actuaron Aurora Gloria Egido Martínez, proposta pola Real Academia Española; Celia Pereira Porto, pola Real Academia Galega; María Aitzpea Goenaga Mendiola, pola Real Academia da Lingua Vasca/Euskaltzaindia; Gabriel Sansano Belso, polo Instituto de Estudos Cataláns/Institut d'Estudis Catalans; Maria Josep Marín Jordà, pola Academia Valenciana da Lingua/Acadèmia Valenciana da Llengua; e Francisco Domínguez Matito, pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE).
Ademais, foron vocais Nieves Rodríguez Rodríguez, pola Asociación Colexial de Escritores de España-Asociación de Autores de Teatro (ACE-ATT); Luís Alberto de Cuenca y Prado, pola Asociación Española de Críticos Literarios; María del Carmen de la Riega de Lucas, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Isabel Ortega Sánchez, polo Centro de Estudos de Xénero da UNED; Juana Natividad Escabias Toro, polo Ministerio de Cultura e Deporte; e Josep Maria Mirou Coromina, autor galardoado na convocatoria de 2022.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.