Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 01/09/2023 | Actualizada ás 17:28
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dixo que non "parece serio" o último movemento político do Partido Popular, que levará ao próximo pleno municipal unha iniciativa para iniciar unha modificación da ordenanza fiscal para conseguir unha redución do 10 % do Imposto de Bens Inmobles (IBI).
Para Lores, o Partido Popular "volve insistir cos mesmos mantras de sempre, tentando que se gaste diñeiro en cousas que non poden ser". A rebaixa do IBI proposta polo PP implicaría unha redución de 1,7 millóns de euros das arcas municipais "que son necesarios para facer todo o que hai que facer", advertiu o alcalde.
"Nós temos a obrigación de manter un equilibrio financeiro para non entrar en inestabilidade", engadiu o rexedor, polo que rexeita "este tipo de propostas". Lores dixo ter a impresión de que por parte dos populares "está a tentarse obstaculizar o labor do goberno máis que facer cousas en positivo". "Non se pode facer demagoxia con este tipo de cuestións", subliñou. Para aprobar esta proposta de modificación da ordenanza fiscal, o PP necesita o apoio ou a abstención do PSOE.
REUNIÓN SANTA CLARA
O alcalde tamén anunciou que asistirá o concelleiro César Mosquera á reunión convocada para o vindeiro luns, 4 de setembro, pola Deputación de Pontevedra para unha comisión de seguimento de Santa Clara, na que ambas as institucións esperan establecer liñas de acordo que permitan impulsar o proxecto de rehabilitación para o recinto.
"Obviamente, porque é o máis razoable, vai asistir Mosquera", confirmou o alcalde tras lembrar que foi o responsable do Museo durante a súa recente etapa como vicepresidente da Deputación de Pontevedra no anterior goberno provincial. "Eu non sei que seguimento hai que facer, porque está todo asinado fai tres meses", comentou Lores; "está todo perfectamente definido no convenio", engadiu.
Para o alcalde de Pontevedra, o vicepresidente segundo da Deputación e portavoz do PP no Concello de Pontevedra, Rafa Domínguez, "no canto de gobernar onde ten que gobernar parece que está a pór pegas para que se goberne no Concello".
XUNTA DE GOBERNO
O alcalde compareceu en rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados este venres na Xunta de Goberno Local. Como punto máis destacado, aprobouse a prórroga de tres meses (ata o 13 de decembro) solicitada pola empresa Setga para completar a renovación de máis 1.600 luminarias en 77 rúas, parques e prazas da zona sur da cidade.
A empresa xustificou a súa petición nos efectos negativos provocados pola folga do metal, que impediu a obtención das subministracións necesarias para acometer o proxecto. O rexedor tamén indicou que no Consistorio seguen "con ese proceso de posta en valor e deixar a cidade en estado de revista" que se iniciou coa retirada das antigas cabinas de Telefónica e que continúa agora outra acción de mellora estética de espazo público coa retirada dos letreiros e valos de obras xa executadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.