Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2023 | Actualizada ás 18:13
A rodaxe da terceira tempada da serie de Movistar Plus+ 'Rapa', unha das de maior éxito da plataforma, arrincou en varias localidades galegas. En concreto, os traballos de rodaxe, que arrincaron en agosto e finalizarán a mediados de novembro, teñen lugar en varias localidades galegas como Ferrol, Narón, Valdoviño, Xove, Pontedeume, Miño, Sada, As Somozas e Cedeira; ademais de Bergondo, Abegondo, Fene, As Pontes e San Sadurniño.
Diso informou Movistar Plus+ nun comunicado, no que explica que nesta última entrega, un secuestro e unha acusación de asasinato porán en xaque a Maite e Tomás (Javier Cámara e Mónica López), mentres a enfermidade deste segue avanzando. Xunto a Javier Cámara e Mónica López volven actores como Darío Loureiro (no papel de Tacho) ou Adrián Ríos (como Bolaño). Ademais, entre as novas fichaxes para esta terceira tempada atopamos a Cristina Castaño ('Toy Boy', 'Lo dejo cuando quiera', 'Los 13 exorcismos'), Mercedes Sampietro ('Vestidas de azul', 'Lugares comunes', 'Extramuros'), Sheyla Fariña ('Acacias 38', 'La piel que habito'), Xosé Manuel Esperante ('El comisario'), Eva Barreiro (coñecida no plano musical como Eva B), Miguel de Lira ('Cuñados'), Diego Anido ('As Bestas') e Aida Oset ('Moebius', 'Servir y proteger').
Creada por Pepe Coira e Fran Araújo, nesta terceira tempada regresa á dirección Jorge Coira, que se encargou da primeira entrega, e ademais conta cun episodio dirixido por Javier Cámara. A estrea da última tempada de 'Rapa' está prevista para 2024. As dúas primeiras entregas están dispoñibles baixo demanda en Movistar Plus+.
A plataforma destacou que como toda ficción orixinal de Movistar Plus+ e co obxectivo de minimizar o impacto ambiental das mesmas, a serie 'Rapa' conta cun Plan de Sustentabilidade definido para as fases de preprodución, rodaxe e postproducción. Ao termo da rodaxe, emitirase un informe de resultados que incluirá, tanto o cálculo da Pegada de Carbono da produción como as medidas de sustentabilidade implantadas e a súa eficacia. Este cálculo será verificado por unha entidade externa e independente que acreditará a validez do mesmo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.