Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2023 | Actualizada ás 13:32
O sindicato de estudantes Erguer convocou unha concentración para o vindeiro mércores como mostra de rexeitamento ao profesor da USC Luciano Méndez, que volve tras estar suspendido case tres anos por vexar a unha alumna con escote. "Non podemos permitir que a violencia machista teña cabida nas aulas. Non queremos ter medo. Medo a ter unha tutoría co profesor, medo a vestir libremente, medo a sentarnos diante, medo a ir á facultade onde se estuda... Xustamente o mesmo que sentían as alumnas deste profesor. A universidade debe ser un espazo seguro", defenden nun comunicado difundido a través das súas redes sociais.
Aínda que "comprenden" que é unha situación "complexa" para a universidade, insisten en que é "inaceptable" que unha persoa "abertamente misóxina e que conta cun longo historial de actividades machistas nas aulas poida traballar nelas". O sindicato argumenta que son necesarios mecanismos para que profesores que "reinciden nas súas actitudes machistas e non corrixen as súas accións", non traballen na educación pública. "Se queremos erradicar o machismo, debemos erradicar das aulas a aqueles que o exercen e perpetúano", remarcan.
Por todo iso, o sindicato chama aos estudantes a non asistir ás súas clases de maneira indefinida e ata que non se tomen medidas "xustas e pertinentes", ademais de convocar unha concentración para todo o alumnado da USC o vindeiro mércores ás 16.30 horas fronte á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde dá clase Luciano Méndez. A universidade abriulle un expediente ao profesor de Economía en 2019 por comentarios inapropiados na aula sobre o escote dunha alumna. Non era a primeira vez que se sometía a un proceso deste tipo, xa que en 2016 quedou suspendido de emprego e soldo durante dous meses por comentarios similares a outra alumna. Ademais, en 2018 a USC abriulle un expediente que foi remitido ademais á Fiscalía, por uns vídeos colgados polo profesor en redes sociais onde se situaba a favor de 'a Manada', asegurando, entre outros comentarios, que a vítima "se deixou facer" e "gozou".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.