Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2023 | Actualizada ás 17:01
Delegados da CIG participaron este mércores en accións simultáneas en varias sucursais bancarias galegas para denunciar o "banquete de beneficios" da banca fronte á "subida inxusta de tipos de interese" que, con circunstancia como os "salarios de miseria" están a levar a que "se estenda a pobreza" entre as clases populares.
As accións desenvolvéronse de maneira simultánea na Coruña, Vigo, Pontevedra, Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense e consistiron nunha ocupación simbólica de distintas oficinas do Banco Santander, do BBVA e de Abanca.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou que estas accións reivindicativas fanse en entidades financeiras precisamente "porque os bancos, xunto coas distribuidoras de alimentación e as empresas enerxéticas, representan esta festa de ganancias do capital". Carril apuntou que só no primeiro semestre deste ano, a gran banca española aumentou o seu beneficio un 20,2%, gañando 12.386 millóns de euros.
Na crise financeira de 2008, "a débeda pública traduciuse en recortes sociais, incremento da pobreza e perda de dereitos para saír ao rescate dos bancos", denunciou a CIG. "Pero non vemos agora que ese esforzo sexa correspondido polas entidades, que só se preocupan por incrementar de maneira espectacular os seus beneficios; é dicir, por engordar máis e máis os dividendos que se van a repartir os accionistas", dixo Carril.
O secretario xeral da CIG alertou de que as "continuas subidas" levaron a que hoxe en día "o prezo do diñeiro estea no tipo máis alto desde setembro de 2008 e que o custo medio dunha hipoteca aumentase máis do 15% con respecto a 2021", con Galicia á cabeza. A isto, apostilan, engádese o "dato dramático" de que en Galicia se triplicou o número de persoas sen fogar, e a falta de pagamentos das hipotecas rexistran a maior alza desde o ano 2014.
MEDIDAS PARA REVERTER A SITUACIÓN
Para reverter esta situación, Carril reivindicou políticas de intervención pública en sectores estratéxicos como o enerxético ou o financeiro, apostando pola creación dunha banca pública ao servizo do pobo e das necesidades do sector produtivo.
Demandou, tamén, a conxelación das cláusulas das hipotecas variables e que non se apliquen as revisións á clase traballadora e ás clases populares mentres non baixen os tipos ao mesmo nivel que subiron; conxelar os prezos dos alugueres; e prohibir todos os desafiuzamentos de vivendas que está en marcha, estendendo esta práctica durante 2024 e 2025.
Paulo Carril tamén criticou que a Xunta de Galicia "sexa incapaz de pór no mercado vivendas sociais un número suficiente para garantir o acceso a unha vivenda digna", mentres os prezos dos alugueres "alcanzan cifras desorbitadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.