Ana Miranda defende na Eurocámara regular os pisos turísticos ademais dunha política de vivenda accesible

A eurodeputada defendeu a posta en marcha dunha política de vivendas públicas a prezos accesibles que "permitiría facilitar o acceso á vivenda á xente nova ou persoas en situación de vulnerabilidade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2023 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu na Eurocámara unha política de vivenda pública "accesible", ante o aumento "desorbitado" dos prezos o que "impide o acceso á vivenda digna", e reclama unha regulación dos pisos turísticos.

Así, no pleno do Parlamento que se celebra en Estrasburgo, a eurodeputada do BNG denunciou o "grave problema de acceso á vivenda" en dúas vertentes: por unha banda o encarecemento dos prezos e, por outro, o "aumento descontrolado dos pisos turísticos".

"Non pode haber pisos baleiros mentres haxa persoas coa necesidade dunha vivenda", sinalou Miranda, quen dixo, no debate 'Vivenda digna para todos', que o prezo de aluguer aumentou en Galicia un 25 por cento: "Unha verdadeira catástrofe".

En canto ás vivendas, dixo que en Galicia hai 506.370 desocupadas, un 28,8 por cento do total e delas 22.000 en Vigo, mentres que en todo o Estado son 3.837.328 as desocupadas, o que representa un 14 por cento da cifra total.

Fronte a este dato, as vivendas rexistradas para uso turístico pasaron das 500 no ano 2017 ás 16.500 na actualidade, froito da "especulación sen ningún tipo de control". Por iso, considerou "imprescindibles" medidas que regulen a apertura sen control deste tipo de establecementos.

Miranda defendeu a posta en marcha dunha política de vivendas públicas a prezos accesibles que "permitiría facilitar o acceso á vivenda á xente nova ou persoas en situación de vulnerabilidade".

Neste sentido, criticou a "inacción" do Goberno galego do PP que, ao seu xuízo, "carece de proxecto de xestión de vivenda pública, xa que entre 2014 e 2017 non construíu ningunha vivenda pública en aluguer e en 2018 só construíu unha de protección en aluguer".

Miranda puxo o acento en que a vivenda pública representa en Europa un 9,3 por cento, mentres que en Galicia é menos do 1 por cento. "Temos que garantir o dereito á vivenda digna", recalcou para criticar, a continuación, a "falta de vontade política do PP para solucionar este problema".




Ana Miranda (BNG). PHILIPPE BUISSIN
Ana Miranda (BNG). PHILIPPE BUISSIN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta