Os medios tradicionais comezan a cambiar a súa liña editorial logo do 24M

O cambio de goberno en cidades como Santiago, A Coruña ou Ferrol e deputacións como a de Pontevedra e A Coruña están provocando que medios que tiveron unha liña editorial reacia ás mareas tenten, agora, aproximarse a elas. En xogo están, millóns de euros en subvencións públicas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 02/06/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Moi poucos aventuraban un cambio tan fondo da política municipal, sobre todo, no espazo urbano galego logo dos resultados do 24M. As enquisas xa apuntaban unha tendencia á alta das mareas, pero nin os grandes partidos, nin os vellos medios de comunicación entenderon que ese cambio levaría por diante alcaldías tan importantes como as de Santiago, A Coruña ou Ferrol.

Os grandes medios de comunicación perciben axudas millonarias por parte da Xunta
Os grandes medios de comunicación perciben axudas millonarias por parte da Xunta | Fonte: sinsamarketing.com

De feito, o éxito das mareas foi tal que provocou un pequeno tsunami no Partido Popular que se viu forzado a abrir unha “autocrítica” e asumir cambios que poden supoñer, mesmo, a marcha de Alberto Núñez Feijóo a Madrid, como xa teñen suxerido varios medios de comunicación.

E a estes cambios tampouco son alleos os medios de comunicación tradicionais de Galicia, especialmente, os da provincia da Coruña, onde os cambios foron máis acusados que no resto do país. E é que, tanto La Voz de Galicia, como El Correo Gallego, xogaron durante a campaña electoral un papel ambivalente, máis proclives aos candidatos populares que ao resto dos partidos do arco político e, nalgúns casos, silenciando a algunhas candidaturas.

O propio Martiño Noriega facía alusión nunha entrevista ao GC, antes dos comicios, a “poderes económicos, mediaticos e fácticos” que estaban tentando boicotear ás mareas:

“Non nos enfrentamos só ao PPdeG, senón tamén a poderes económicos e fácticos que pese ao que pasou na cidade non queren que nada mude.

Portada de La Voz de Galicia o día depois das eleccións municipais do 24M
Portada de La Voz de Galicia o día depois das eleccións municipais do 24M

A que poderes te refires?

Eu non entendo o arroupo que se pode dar desde grandes poderes económicos da cidade ou poderes mediaticos ao PPdeG logo destes catro anos, agás que alguén veña e mos explique.

Pero quen?

Máis que identificalos o que pretendo é dicir que se chegamos ao goberno a participación vai ser fundamental para soster ese goberno e para arroupalo nas súas decisións.

Non quixo aclarar nin poñer nomes Noriega a eses “poderes”, pero entre eles, estaban os de grandes medios de comunicación de Galicia. O futuro alcalde desta cidade volvía referirse a eses “poderes” un día despois da súa vitoria electoral. Ao ser preguntado por GC, avisaba, “non todo vale” en política.

As mareas non só se levaron por diante ao PP, tamén a algúns medios”, ironizaba un dirixente de Compostela Aberta un día despois dos resultados electorais.  De feito, non tardaron en mudar as liñas editoriais dalgúns deses medios e as portadas e primeiras páxinas dos mesmos. Aqueles que non eran entrevistados, comezaron a ser entrevistados e a ter páxinas enteiras. “Debe de ser que queren tratar ben as mans que lle poden dar de comer”, apuntaba este mesmo dirixente.

E é que desde o 24M, varios destes medios de comunicación adícanlle día si e día tamén numeroso espazo informativo ás mareas cun tratamento moi diferente ao que lle daban xusto antes das eleccións. Algún veterano xornalista e tertuliano consultado por GC destaca que, especialmente, dura foi para El Correo e La Voz de Galicia a vitoria das mareas, xa que, estes medios, apostaran abertamente por outras candidaturas.

Foi unha derrota en toda regra para a súa liña informativa e a vitoria das candidaturas cidadás demostra que xa non son o todopoderosos que pensaban que eran. Xa non controlan á xente. Agora está Facebook, as redes sociais e, sobre todo, outros medios alternativos dixitais que chegan a milleiros de persoas”, destaca.

Cambios na dirección dos medios?

Outro antigo traballador de La Voz de Galicia apunta que, logo do 24M, hai movementos dentro do xornal de Santiago Rey e que non se descarta que haxa cambio de dirixentes nalgunhas delegacións. “É obvio que algúns delegados están moi próximos ao Partido Popular e iso non pode seguir así porque non hai nada de feeling cos futuros novos alcaldes”, destaca. O obxectivo sería situar ao fronte de determinadas delegacións a xente con “máis sensibilidade” cara aos novos actores políticos.

E é que en xogo están moitos cargos, os que veñen dos concellos e das deputacións. E, aínda que a Xunta siga nutrindo con milleiros de euros aos medios de sempre –xusto despois dos comicios acaba de destinar un millón de euros máis que se suman aos 5,5 que xa deu antes da campaña--, estes precisan das subvencións e dos convenios que lle chegan de moitas destas grandes cidades e dos organismos provinciais.

O futuro da política dos medios depende das mareas

En todo caso, queda por saber se os dirixentes das mareas van reproducir, como no seu día fixo o bipartito, o mesmo modelo de subvencións aos medios que está aplicando o Partido Popular. Isto é, dar cartos a cambio de propaganda sen ningún tipo de control obxectivo en función de criterios xornalísticos, profesionais ou lingüísticos. Na súa man tamén está impulsar códigos éticos ou leis de transparencia en relación aos medios de comunicación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 29 comentarios

15 Gamela

FARO DE VIGO xa ten mudado dende antes das eleccións a prol do Caudillo local Abel Caballero, dende hai moito tempo, así COBRA DÚAS VECES, e censura todo o que lle peta... // http://gamela00.blogspot.com.es/201... // Alguén sabe canto gastou Abel nas Televisións Locais de Vigo (sería interesante!) / LOCALIA + TELE VIGO / (?)

14 Comunista

Esta nova é pura especulación que non se corresponde en absoluto coa realidade. Para o único que serve é para dar carnaza aos delirios vitimistas d@s camarlengos do Sermóns: Mera, Mexuto, García Negro... http://www.sermosgaliza.gal/opinion...

13 Galego Ceibe

Esta ben que os medios tenhan medo as Mareas. Non van ter a sorte que tiveron co bipartito. Daquela tanto o PSOE como a UPG quixeron darlles cartos pensando que as ian influenciar. E iso é o que fai hoxe a UPG Pontevedra,ou sexa Lores.

1 e dálle

Tamén podemos falar dos cartos que a Deputación de Lugo ingresa en El Progreso e mais na Voz. Ou é que as publirreportaxes a Mario Outeiro son de balde?

12 Voz na néboa

Non estaría de mais que alguén do BNG lese este análise. Vai da composición social do voto ás esquerdas. Recomendable para todos. http://cat.elpais.com/cat/2015/06/0...

11 4tEZ

POr dar ideas, se queren subvencions públicas que empreguen a lingua galega na mesma proporción que os contribuintes. Un 50% galego 50% castelán estaría ben para La voz.

1 ruben

ben dito, claro que si!

2 chapela

Aí! E se querem mais cartos, mais galego. Proporcionalidade.