Os medios tradicionais comezan a cambiar a súa liña editorial logo do 24M

O cambio de goberno en cidades como Santiago, A Coruña ou Ferrol e deputacións como a de Pontevedra e A Coruña están provocando que medios que tiveron unha liña editorial reacia ás mareas tenten, agora, aproximarse a elas. En xogo están, millóns de euros en subvencións públicas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 02/06/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Moi poucos aventuraban un cambio tan fondo da política municipal, sobre todo, no espazo urbano galego logo dos resultados do 24M. As enquisas xa apuntaban unha tendencia á alta das mareas, pero nin os grandes partidos, nin os vellos medios de comunicación entenderon que ese cambio levaría por diante alcaldías tan importantes como as de Santiago, A Coruña ou Ferrol.

Os grandes medios de comunicación perciben axudas millonarias por parte da Xunta
Os grandes medios de comunicación perciben axudas millonarias por parte da Xunta | Fonte: sinsamarketing.com

De feito, o éxito das mareas foi tal que provocou un pequeno tsunami no Partido Popular que se viu forzado a abrir unha “autocrítica” e asumir cambios que poden supoñer, mesmo, a marcha de Alberto Núñez Feijóo a Madrid, como xa teñen suxerido varios medios de comunicación.

E a estes cambios tampouco son alleos os medios de comunicación tradicionais de Galicia, especialmente, os da provincia da Coruña, onde os cambios foron máis acusados que no resto do país. E é que, tanto La Voz de Galicia, como El Correo Gallego, xogaron durante a campaña electoral un papel ambivalente, máis proclives aos candidatos populares que ao resto dos partidos do arco político e, nalgúns casos, silenciando a algunhas candidaturas.

O propio Martiño Noriega facía alusión nunha entrevista ao GC, antes dos comicios, a “poderes económicos, mediaticos e fácticos” que estaban tentando boicotear ás mareas:

“Non nos enfrentamos só ao PPdeG, senón tamén a poderes económicos e fácticos que pese ao que pasou na cidade non queren que nada mude.

Portada de La Voz de Galicia o día depois das eleccións municipais do 24M
Portada de La Voz de Galicia o día depois das eleccións municipais do 24M

A que poderes te refires?

Eu non entendo o arroupo que se pode dar desde grandes poderes económicos da cidade ou poderes mediaticos ao PPdeG logo destes catro anos, agás que alguén veña e mos explique.

Pero quen?

Máis que identificalos o que pretendo é dicir que se chegamos ao goberno a participación vai ser fundamental para soster ese goberno e para arroupalo nas súas decisións.

Non quixo aclarar nin poñer nomes Noriega a eses “poderes”, pero entre eles, estaban os de grandes medios de comunicación de Galicia. O futuro alcalde desta cidade volvía referirse a eses “poderes” un día despois da súa vitoria electoral. Ao ser preguntado por GC, avisaba, “non todo vale” en política.

As mareas non só se levaron por diante ao PP, tamén a algúns medios”, ironizaba un dirixente de Compostela Aberta un día despois dos resultados electorais.  De feito, non tardaron en mudar as liñas editoriais dalgúns deses medios e as portadas e primeiras páxinas dos mesmos. Aqueles que non eran entrevistados, comezaron a ser entrevistados e a ter páxinas enteiras. “Debe de ser que queren tratar ben as mans que lle poden dar de comer”, apuntaba este mesmo dirixente.

E é que desde o 24M, varios destes medios de comunicación adícanlle día si e día tamén numeroso espazo informativo ás mareas cun tratamento moi diferente ao que lle daban xusto antes das eleccións. Algún veterano xornalista e tertuliano consultado por GC destaca que, especialmente, dura foi para El Correo e La Voz de Galicia a vitoria das mareas, xa que, estes medios, apostaran abertamente por outras candidaturas.

Foi unha derrota en toda regra para a súa liña informativa e a vitoria das candidaturas cidadás demostra que xa non son o todopoderosos que pensaban que eran. Xa non controlan á xente. Agora está Facebook, as redes sociais e, sobre todo, outros medios alternativos dixitais que chegan a milleiros de persoas”, destaca.

Cambios na dirección dos medios?

Outro antigo traballador de La Voz de Galicia apunta que, logo do 24M, hai movementos dentro do xornal de Santiago Rey e que non se descarta que haxa cambio de dirixentes nalgunhas delegacións. “É obvio que algúns delegados están moi próximos ao Partido Popular e iso non pode seguir así porque non hai nada de feeling cos futuros novos alcaldes”, destaca. O obxectivo sería situar ao fronte de determinadas delegacións a xente con “máis sensibilidade” cara aos novos actores políticos.

E é que en xogo están moitos cargos, os que veñen dos concellos e das deputacións. E, aínda que a Xunta siga nutrindo con milleiros de euros aos medios de sempre –xusto despois dos comicios acaba de destinar un millón de euros máis que se suman aos 5,5 que xa deu antes da campaña--, estes precisan das subvencións e dos convenios que lle chegan de moitas destas grandes cidades e dos organismos provinciais.

O futuro da política dos medios depende das mareas

En todo caso, queda por saber se os dirixentes das mareas van reproducir, como no seu día fixo o bipartito, o mesmo modelo de subvencións aos medios que está aplicando o Partido Popular. Isto é, dar cartos a cambio de propaganda sen ningún tipo de control obxectivo en función de criterios xornalísticos, profesionais ou lingüísticos. Na súa man tamén está impulsar códigos éticos ou leis de transparencia en relación aos medios de comunicación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 29 comentarios

5 verdade

Non é certo. Na semana previa ás eleccións o fulanito que modera os comentarios ás noticias censuraba de xeito sistemático calquera texto no que criticases ás mareas, aínda que fora sen insultos, con corrección pero discrepando. Ao mesmo tempo, daba paso a outros comentarios nos que lle facían a ola ás Mareas. Pasaron as eleccións e volve a dar paso a comentarios sen tanta censura. Ou sexa, non sei outras seccións, pero teño moi claro que as Mareas teledirixían a moderación aos comentarios ás novas da Voz, cando menos esa semana previa ás eleccións.

1 metilico non

"teño moi claro que as Mareas teledirixían a moderación aos comentarios ás novas da Voz" -- Teledirigido estás tí.

4 comunista independentista

Se cambian a liña editorial será para ir aínda máis contra as mareas, auténtica oposición a oligarquía colonial. Tempo ao tempo.

3 Francisco

As mareas deben desarticular o entramado caciquil do PP que inclúe os medios de comunicación. Uns medios que están malinformado ao país e son culpables do atraso democrático de Galicia. Se as mareas cometen o mesmo erro que o bipartito (alimentar ao monstruo que os vai devorar en canto teña ocasión), entón apaga e ímonos. Que tomen boa nota da campaña en contra que estes medios de comunicación subvencionados con diñeiro público levaron a cabo con total falla de ética e profesionalidade, desprezando o dereito dos cidadáns a unha inforamción libre e veraz e coartando a liberdade de expresión.

1 dacordista

totalmente dacordo.

2 Xistral

Eu non penso que cambien a liña editorial. Na súa liña de debilitar o movemento de liberación nacional e das clases máis desfavorecidas están xogando moi ben a súa estratexia de dividir o nacionalismo e a esquerda. O tempo o dirá.

1 La Voz de su amo

Levan tempo facendo o mesmo, antes das eleccións pro PPinochos confirmados. A partires de primeiro PPSOE, as suas preferencias e apoios van a prol dos grupos expañolistas, contra os soberanistas. O apoio gratuito ao Mesias e mariachis, negado sempre ao propio Beiras cando era o líder do 2º grupo en nº de votos, é abismal. A criminalización da esquerda independentista, activa, declarada terrorista, contou coa esencial propaganda da Voz. Ademais cambian a estas preferencias, sen cambiar ren, a sua liña pro burguesa, colonialista, anti galega que sempre tivo marcada a Voz e que quedou patente nos recentos asubios na final da copa, é iso é o desconcertante, que podan apoiar estes grupos populistas, cidadanistas de nin dereitas nin esquerdas, sen abandoar a sua liña habitual.