Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2023 | Actualizada ás 16:37
Os bombeiros dos parques comarcais de Galicia protestaron este venres ante a Deputación de Pontevedra lanzando ovos, pintura, petardos, botes de fume e queimando pneumáticos. Os manifestantes (que denunciaron cargas) concentráronse na avenida de Montero Ríos, fronte ao Pazo Provincial, onde a Policía Nacional estableceu un dispositivo de seguridade para evitar que entrasen no edificio.
Estes traballadores están en folga desde xuño e a mobilización deste venres ante a Deputación de Pontevedra é a primeira do calendario de protestas anunciado, que continuará o vindeiro luns fronte á administración provincial ourensá, o venres 27 na da Coruña e o martes 31 na Deputación de Lugo. Para o día 17 de novembro convocaron unha manifestación en Santiago de Compostela.
En total hai 25 parques comarcais de bombeiros en toda Galicia e estes traballadores queren que se aprobe un convenio único para todos para "dignificar" a profesión cunha "valoración acorde" e a contratación de máis persoal. O presidente do comité de folga e delegado da CIG, Anxo Moldes, reclamou ás administracións "que se reúnan connosco para pór fin a este conflito que leva aberto desde principios do verán e que está a pechar parques por toda Galicia".
PARECE QUE NON TEÑEN PRÉSA
"Os políticos parece que non teñen présa por arranxar isto", lamentou este portavoz que defende que a subida salarial que demandan "vai moi por baixo de calquera parque municipal desta mesma comunidade". O presidente do comité de folga explicou que un bombeiro comarcal cobra de media uns 1.200-1.300 euros líquidos ao mes. "Non se valora nin o posto, nin o perigo, nin a nocturnidade", sinalou Anxo Moldes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.