Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2023 | Actualizada ás 19:12
O pleno do Concello de Santiago aprobou este xoves, cos votos en contra do PP, unha iniciativa para reclamar o "cesamento inmediato" do lume israelí sobre a franxa de Gaza e a apertura de corredores humanitarios na zona. A iniciativa, presentada por Compostela Aberta e BNG, contou co apoio dos socialistas, pero coa oposición dos populares, que rexeitaron "polarizar a sociedade" entre o apoio a israelís e palestinos.
Na súa intervención, a edil de CA María Rozas dixo que esta é "unha guerra inxusta" que "parte dunha situación histórica inxusta" e que causou xa "máis de 7.000 vítimas palestinas, un terzo delas nenos". Rozas asegurou "non ter palabras de comprensión ao feito por Hamas", aínda que considerou que neste conflito "existe un desequilibrio claro". Para a formación, a comunidade internacional e a UE "deberían esixir o cesamento do lume inmediato", a apertura de corredores humanitarios e "o cumprimento dos acordos internacionais" na materia.
"Podemos discrepar, pero todos estamos obrigados a demandar unha solución. Non podemos quedarnos calados mentres se asasina a civís", dixo Rozas, que pediu que "cese xa este masacre e este xenocidio". Na mesma liña, a edil nacionalista Míriam Louzao asegurou que "calquera cun mínimo de humanidade tense que escandalizar do que alí está a ocorrer", e "non só agora", se non "nos últimos 75 anos", nos que o pobo palestino "sufriu ataques indiscriminados e dunha brutalidade extrema que vulneran claramente o dereito internacional".
"Con esta moción queremos condenar de forma categórica e enérxica o ataque masivo que o goberno de Israel vén de ordenar contra a Franxa de Gaza e solidarizarnos unha vez mais coa causa do pobo palestino", dixo Louzao, que cualificou o que está a suceder alí de "xenocidio". Louzao lamentou " profundamente todas as vítimas civís" que produciu o conflito, "as de todas as nacionalidades", pero neste caso en concreto incidiu na necesidade de cesar de forma inmediata "os ataques ordenados polo goberno israelí" e abrir corredores humanitarios para asistir á poboación civil palestina.
Finalmente, o edil socialista Sindo Guinarte considerou "un deber ético, mesmo moral, facer ouvir a nosa voz como institución nun tema, unha traxedia que, non por repetida pode deixarnos impasibles". Os ataques terroristas de Hamas, que tamén condenou, "non poden xustificar os ataques indiscriminados contra a poboación civil", dixo Guinarte, que advertiu de que "ser un goberno democrático non avala a vulneración dos dereitos humanos nin exonera a responsabilidade por decisións que resultan inasumibles desde a legalidade internacional.
O PP VOTA EN CONTRA
Na súa quenda de intervención, a concelleira do PP María Baleato quixo "reafirmar" a "solidariedade con Palestina" dos populares, pero afeou que a iniciativa de BNG e CA "esqueza" o ataque terrorista de Hamas a Israel do pasado 7 de outubro. "No texto da súa moción esquecen mostrar cal foi o detonante desta situación, o que motivou a resposta de Israel", dixo Baleato, que lembrou que "o dereito a declarar a guerra" e a "defenderse" é "competencia exclusiva dun Estado".
"Israel pretende acabar cos terroristas de Hamas, pero non ocupar e arrasar, como indican literalmente, a Franxa de Gaza", engadiu a edil popular que, no entanto, apunta que a axuda humanitaria si "debe seguir chegando" a esta zona "para aliviar a súa penosa situación". Paralelamente, María Baleato criticou que os defensores desta iniciativa "en ningún momento fan referencia á solidariedade co pobo israelí na súa loita contra o terrorismo". "Desde o Partido Popular mostramos a nosa solidariedade coas vítimas da guerra e condenamos o terrorismo e calquera discurso que xustifique e minimice ou non condene as súas graves consecuencias", engadiu Baleato, rexeitando "polarizar á sociedade"
DECLARACIÓN POLO 25 DE NOVEMBRO
Por outra banda, na súa sesión deste xoves, a Corporación Municipal de Santiago aprobou por unanimidade de todos os grupos unha declaración institucional para condenar "todas as formas de violencia machista" e comprometerse a traballar "na súa eliminación de todos os espazos do Concello" con medidas concretas e de maneira coordinada con outras institucións.
Con motivo do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que terá lugar o próximo 25 de novembro, o texto acordado polos catro grupos expresa a preocupación polo "agravamento dalgúns tipos de violencias contra as mulleres" e pola "expansión dunha onda reaccionaria que nega a violencia machista" nestes últimos anos.
Así, refírese aos datos do XV informe anual do Observatorio Estatal da violencia sobre as mulleres 2021, segundo os que "o 86,2 % de delitos contra a liberdade e indeminidade sexual cometéronse contra mulleres" e "das 14.608 vitimizacións de mulleres por este tipo de delitos, rexistráronse 287 de corrupción de menores ou persoas con discapacidade e 432 relacionados con contactos tecnolóxicos con menores de 16 anos".
Fronte esta realidade, a declaración remarca a necesidade desde o Concello de dotarse de "máis ferramentas para a prevención e actuación" e, concretamente, de "reforzar os servizos de atención e acompañamento ás mulleres, especialmente ás mulleres vítimas de violencias machistas".
Con este fin, a Corporación comprométese a "traballar na súa eliminación de todos os espazos do concello" e expón algunhas medidas concretas como a formación do persoal para "incorporar a perspectiva de xénero e a protección das vítimas da violencia machista a todos os niveis de acción"; a mellora da coordinación, prevención e intervención fronte a violencia machista en colaboración con outras administracións, ou garantir que os espazos municipais sexan "espazos seguros para as mulleres".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.