Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2023 | Actualizada ás 11:00
Dúas persoas tiveron que ser evacuadas en Carballo e outra persoa máis no Carballiño con síntomas de intoxicación pola mala combustión dunha estufa, nun caso, e dun quentador, no outro. Segundo informaron fontes do CIAE 112 Galicia, unha das intervencións tivo lugar a pasada medianoite, cando os servizos de Urxencias Sanitarias 061 avisaron de que recibiran a chamada dunha muller, alertando de que se atopaban mal o tres membros da familia, residentes nunha vivenda do lugar de Casaldares, en Carballo.
Así, a muller relatou que tanto ela como o seu marido e a súa filla tiñan síntomas de intoxicación, e que sospeitaba que a causa podería ser unha estufa. O 112 deu aviso aos bombeiros de Carballo, Garda Civil, Policía Local e Protección Civil, así como a técnicos da empresa subministradora do gas. Ao chegar á vivenda, os bombeiros realizaron medicións de gases, que resultaron negativas. No entanto, ao repetilas nun habitáculo no que había unha estufa de leña, si deron resultado positivo, como consecuencia da mala combustión da estufa. Finalmente, os servizos sanitarios evacuaron a un centro médico á nai e á filla, de 9 anos de idade, con síntomas de intoxicación.
OUTRO CASO DE INTOXICACIÓN NO CARBALLIÑO
Por outra banda, na noite deste domingo, o 061 atendeu a dúas persoas que presentaban mareos nunha vivenda do Carballiño, e unha delas tivo que ser trasladada a un centro sanitario. Segundo informou o 112, os feitos ocorreron nunha vivenda da Avenida de Pontevedra, e os servizos sanitarios solicitaron a colaboración de bombeiros e forzas da orde, posto que había dúas persoas que necesitaban asistencia pola mala combustión dun quentador. Desde o CIAE deuse aviso aos bombeiros de Carballiño, á Garda Civil, Policía Local, Protección Civil e a persoal da empresa subministradora do gas.
Unha vez no lugar, os bombeiros confirmaron que o quentador de auga estaba a expulsar monóxido de carbono, polo que cortaron a subministración e procederon a ventilar o domicilio. Finalmente, só unha muller tivo que ser trasladada, inicialmente á PAC, e logo a un centro hospitalario de Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.