Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/11/2023 | Actualizada ás 14:24
Bieto Lobeira, un dos históricos dirixentes do BNG e tamén da UPG --o partido maioritario na organización frontista-- deixa as súas responsabilidades como coordinador da área de Organización, unha das máis importantes dentro do Bloque. Faino a meses duns comicios galegos cando, precisamente, é de suma importancia o traballo nese departamento que se encarga de organizar os procesos internos na elección de candidatos tanto a nivel local e comarcal, como a nivel nacional.
As súas tarefas serán asumidas en solitario por Lucía López. Pola súa banda, Lobeira asumirá a área de relacións cos movementos nacionalistas, principalmente, a CIG e a Mesa pola Normalización Lingüística, aínda que tamén outros relacionados coa sanidade ou medio ambiente.
Lobeira apunta a razóns "persoais" na súa saída. A decisión foi comunicada, segundo el mesmo asegurou, o pasado mes de setembro pero transcende agora, a poucos meses da cita electoral. Pero, segundo fontes consultadas por Galicia Confidencial hai semanas que se apuntaba a cambios na Executiva nacionalista tras as eleccións ao Congreso. De feito, sinalan aos malos resultados colleitados polo Bloque neses comicios como a orixe da saída de Lobeira do importante cargo de Organización. Outras fontes indican que, precisamente, o político de Marín agardaba ter entrado no Senado se Carme da Silva obtivera acta como deputada por Pontevedra, que era o que se agardaba no BNG, partido que, finalmente, acabou cun único deputado pola Coruña, Néstor Rego.
No Bloque descartan que estes cambios teñan que ver con problemas internos ou reorganización de áreas. Con todo, que esta mudanza nun órgano tan importante teña lugar a meses duns novos comicios, non soe ser un procedemento moi habitual dentro da organización frontista, especialmente, pola importancia que supoñen as eleccións que terán lugar antes do verán.
O BNG chegou á súa marca en 2020 con 19 escanos e desde a organización política agardase mellorar ou manter estes resultados para que Ana Pontón sexa a primeira presidenta da Xunta. Peores resultados que os acadados hai tres anos e medio ou que Pontón non acabe sendo presidenta se hai un cambio de goberno na Xunta serían vistos como un fracaso na direccion do Bloque e boa parte desa responsabilidade recaería na área de Organización, a que, precisamente, acaba de deixar Lobeira.
LONGA TRAXECTORIA NO BNG
Bieito Lobeira, natural de Seixo, unha parroquia de Marín tomou as rendas internas da Organización nacionalista nas horas máis baixas, tras a asemblea das escisións de Amio (2012). Nestes máis de dez anos, Bieito Lobeira, que foi deputado na Cámara autonómica durante 15 anos nos que se ocupou, entre outras cuestións, da defensa do sector pesqueiro e da política lingüística, ocupouse de sanear as contas da formación frontista nuns tempos nos que perdeu o seu peso institucional pola irrupción das mareas e nas que en varias ocasións o BNG pediu un esforzo extra á militancia que mantivo en pé á organización política.
Con esta decisión "persoal", como el mesmo confirmou a Europa Press, Lobeira deixa así a política profesional, da que xa non terá soldo. Aos seus 55 anos, buscará agora outra ocupación laboral, sen deixar a súa vinculación co nacionalismo, xa que se manterá na Executiva e Consello Nacional do BNG.
"Son os pasos que hai que dar", afirmou a Europa Press o responsable de Organización coñecido (e así se lle podía ver) por apuntar todo nun caderno lonxe de empregar novas tecnoloxías, cadernos pequenos nos que escrupulosamente o dirixente político facía as anotacións do día a día e das campañas electorais.
Antes de dedicarse á política de forma 'profesional', Lobeira traballou como camareiro, traballador forestal, estibador. O seu compromiso, dixo a Europa Press, segue "inquebrantable" coa formación política que leva na 'cabeza' tras máis de dez anos nos que foron portavoces nacional Xavier Vence, Guillerme Vázquez e Ana Pontón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.