O Sergas contará con unidades funcionais multidisciplinares da dor

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destaca o impulso á innovación no sistema sanitario galego co traballo do Clúster Saúde de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2023 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que a Xunta de Galicia porá en marcha unidades funcionais multidisciplinares da dor en todas as áreas sanitarias do Sergas. Segundo explican nun comunicado, o conselleiro avanzouno durante a xornada 'Dor cero', organizada pola liga Reumatolóxica Galega no salón de actos da Consellería.

As unidades contarán con anestesistas, neurólogos, reumatólogos e persoal de enfermaría, entre outras especialidades, e traballarán en ofrecer unha atención integral e multidisciplinar "encamiñada a aliviar a dor e mellorar a calidade de vida das persoas que a sofren".

"E o máis importante: propiciarán un tratamento da dor individualizada e adaptada ás necesidades e circunstancias de cada paciente", apuntou Comesaña. Neste sentido, lembrou que o Sergas xa mide e rexistra na gráfica de constantes a dor aguda e que, a finais do ano pasado, publicouse un novo procedemento actualizado para valorar a dor aguda nos hospitais. En canto a dor crónica, co circuíto asistencial da E-interconsulta da unidade de dor, os equipos de atención primaria poden compartir de forma áxil o manexo da atención a esta dor.

CLÚSTER SAÚDE DE GALICIA

Noutra orde de cousas, o responsable autonómico do Sergas tamén participou na inauguración esta tarde en Vigo do VIII Fórum Retos Internacionais do Ecosistema Saúde (RIES'23): Ecosistemas innovadores de saúde, un evento no que destacou "o impulso que está a alcanzar a innovación no sistema sanitario galego", mediante o traballo que realiza o Clúster Saúde de Galicia.

Tal e como recollen nun comunicado, durante as xornadas deste mércores e xoves, a cidade olívica acollerá o foro internacional no que expertos dos sectores sanitario, sociosanitario, e do ámbito da informática e as novas tecnoloxías, abordarán as oportunidades e os retos que presenta o ámbito da Sanidade. Entre os temas que se analizarán, destacan a abordaxe da lonxevidade poboacional, os avances rexistrados no ámbito da biotecnoloxía, a OneHealth, ou as novas posibilidades que a nivel sanitario ofrece a irrupción da Intelixencia Artificial. 

Médico e prescrición de receita
Médico e prescrición de receita | Fonte: Icomen - Arquivo

"Os principais retos aos que nos enfrontamos pasan por desenvolver unha cobertura sanitaria integral que incida na mellora da saúde da poboación", indicou o conselleiro, ademais de avogar por "seguir traballando para alcanzar unha maior esperanza de vida e, particularmente, máis anos de vida saudables". Xunto á presidenta do Clúster Saúde de Galicia, Rocío Mosquera, tamén reivindicou a relevancia da colaboración público-privada para o desenvolvemento de novas solucións para o coidado da saúde da poboación.

A este respecto, Comesaña remarcou que durante a última década, o Sergas realizou investimentos por máis de 100 millóns de euros no ámbito da innovación sanitaria, citando algúns dos proxectos máis representativos do Sergas como 'H2050' e 'InnovaSaúde', ou o actuais 'Código 100' e 'Innovatrail'. Concluíu a súa intervención animando a continuar coa colaboración entre a administración sanitaria e as empresas do sector do TIC para alcanzar un obxectivo común: "desenvolver sistemas máis eficaces" e "solucións adaptadas aos profesionais e pacientes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta