Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2023 | Actualizada ás 19:27
Un operario faleceu este martes no municipio coruñés de Ponteceso e outro resultou ferido grave tras precipitarse desde un tellado no que traballaban. Segundo informou o 112, os dous traballadores traballaban no tellado cando tivo lugar o accidente. Precipitáronse desde o tellado que arranxaban no lugar de Vilasuso, en Talo.
Así o comunicou o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao 112 Galicia cando, sobre as 18,15 horas, contactaron cos xestores de emerxencias para informar o suceso. Indicaban que unha ambulancia xa se desprazaba cara ao punto. Con todo, nada puideron facer por salvarlle a vida a un dos operarios.
Desde o 112 puxéronse os feitos en coñecemento da Garda Civil e dos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
OPERARIO FERIDO EN IRIXO
Doutra banda, outro operario resultou ferido en Irixo. O 112 Galicia tivo constancia ao redor das 13 horas a través do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 do accidente. Neste caso tratouse dun operario que caeu desde altura nunha casa da parroquia de Dadín.
Desde o CIAE-112 Galicia informouse ao GES de Avión e á Garda Civil. Pola súa banda, os servizos sanitarios mobilizaron aos seus profesionais a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.