O PP insiste en que "o multipartito" designe un candidato para medirse nunha 'cara a cara' con Rueda

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro asegurou que o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, "non quere debater" porque non quere ver "a realidade galega".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2024 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

O PP remitiu unha carta este xoves aos responsables de campaña de BNG, PSdeG, Sumar e Podemos para instalos a que designen un candidato para medirse nunha 'cara a cara' co presidente da Xunta e aspirante popular, Alfonso Rueda. A misiva, asinada pola secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, insiste na idea de que Rueda participará noutro debate electoral sempre que este sexa en formato "cara a cara" contra un candidato acordado polas forzas da oposición.

(I-D) A candidata de Podemos Galicia á Presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, o presidente da Xunta de Galicia e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, o candid. Álvaro Ballesteros - Europa Press
(I-D) A candidata de Podemos Galicia á Presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, o presidente da Xunta de Galicia e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, o candid. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press


O número dous dos populares galegos dirixe esta carta ás catro forzas que, xunto ao PP, participaron no debate do pasado luns na CRTVG. Ata o momento, ese foi o único no que aceptou participar Alfonso Rueda, que declinou tanto acudir ao celebrado na Cadena Ser o venres 2 de febreiro como ao de TVE, previsto para o vindeiro mércores.

No primeiro caso, o PP enviou ao seu portavoz parlamentario no Pazo do Hórreo, Alberto Pazos Couñago, mentres que para o segundo decidiu que non haberá representante popular nunha cita en TVE á que, a pesar disto, si mostraron a súa disposición de acudir tanto a candidata do BNG, Ana Pontón, como o socialista, José Ramón Gómez Besteiro.

"Consideramos que, en aras desa transparencia cara aos cidadáns, ademais do debate a cinco sería lóxico celebrar un cara a cara entre as dúas alternativas existentes: a do PPdeG e a dun multipartito integrado por tres ou catro forzas políticas e coalicións", sinala Paula Prado no texto, no que expresa a "vontade" do seu partido de debater "por convicción democrática". Prado argumenta que a organización dun 'careo' entre Rueda e outro candidato da oposición foi proposto "desde a propia convocatoria electoral, pero as discrepancias e disensións dentro do multipartito fixérono imposible".

"Unha vez celebrado xa o debate a cinco, cremos que é momento de retomar a organización dese debate a dous", engade antes de apelar a que BNG, PSdeG, Sumar e Podemos trasladen "o máis axiña posible" quen sería a persoa designada para medirse a Rueda no debate 'cara a cara'. "O candidato do PPdeG pon a súa axenda á vosa disposición para que, unha vez definísedes quen sería o aspirante que participaría no cara a cara, poder definir canto antes a data e o lugar de celebración do encontro", conclúe a carta de Paula Prado.

A RESPOSTA DE BESTEIRO

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que o titular do Goberno galego e aspirante popular á reelección, Alfonso Rueda, "non quere debater" porque non quere ver "a realidade galega".

Preguntado polas palabras nas que Rueda acusaba á oposición de pintar "unha Galicia en negro", Besteiro insistiu en que as cifras de balance dos 15 anos de gobernos do PP "non son favorables".

"Primeiro con Feijóo, despois con Rueda e as cifras resaltan esa visión desa Galicia que non crece como o resto de España, que perde posicións, en definitiva, unha Galicia que as grandes cifras non a sitúan á avanzada da realidade española, senón máis ben no furgón de cola", afirmou. Para Besteiro, esta trátase dunha realidade que "Rueda non quere ver" e, por iso, "non quere debater".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta