Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/02/2024 | Actualizada ás 18:00
O xurado de aRi[t]mar vén de preseleccionar as cancións galegas e portuguesas que loitarán por ser recoñecidas como as mellores do pasado 2023. Son 10 músicas de cada país as que optan a ser elixidas polo público como Mellor Música do Ano na Galiza e Mellor Música do Ano en Portugal. Ditas votacións comezarán este luns, 26 de febreiro, ás 18.00 horas segundo o fuso horario galego, e poderanse acometer a través da páxina web aritmar.gal. O proceso de votación permanecerá aberto durante un mes, até o vindeiro 27 de marzo.
"A música galega leva vivindo un auténtico renacemento nos últimos anos, está facendo gala dunha diversidade e unha capacidade de mestura que a sitúan plenamente á altura das tendencias musicais internacionais", apuntan desde o xurado. Por iso, as cancións propostas mesturan vellas bandas da escena musical con artistas que xurdiron ultimamente.
FINALISTAS
Así, as cancións finalistas para o premio a Mellor Música do 2023 na Galiza, son: Cachondemia, de 100 Voltas; Viaxamos a Miami, de Ataque Escampe; Ai de min, de Caamaño&Ameixeiras; Bulerías da Lúa, de Davide Salvado (Permita Deus), Morena, de De Ninghures; Olivia Newton-John era de Pantón, de Festicultores Troupe; Onde Ela Me Quer Levar, de Grande Amore; Ardén, de Mondra; Vaia onde vaia, de Ruxe Ruxe; e Fai Tempo, de The Rapants.
As cancións finalistas para o premio a Mellor Música do 2023 en Portugal, son: 422, de A Garota Não; Não Vás Embora, Rapaz!, de Ana Bacalhau; Ao Teu Ouvido, de Buba Espinho feat. Bárbara Tinoco; Mais!, de Carlão; Saia da Carolina, de Carolina Deslandes; Serei Sempre Uma Mulher, de Luísa Sobral; Oxalá, de Maro; Sagitário, de Miguel Araújo; Na Escola, de Os Quatro e Meia; e Preço Certo, de Pedro Mafama.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.