Acusado de abusar sexualmente dunha muller que se fixo a durmida: "En ningún momento me dixo que parase"

O mozo, que tiña 18 anos no momento dos feitos, enfróntase a unha pena de oito anos de cárcere.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2024 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

Un mozo acusado de abusar sexualmente dunha muller que se fixo a durmida durante os feitos -- en xuño de 2022 no domicilio dela, na Coruña, -- negou o delito que se lle imputa e alegou consentimento por parte da denunciante. "En ningún momento me dixo que parase", dixo tras engadir que viu "movementos sedutores" e interpretou que "quería algo máis".

"Supostamente estaba a durmir pero falábame ás veces e movíase", declarou o procesado durante o xuízo celebrado este martes na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña. "En ningún momento vin forza, vina esperta á hora da penetración e sorríame", engadiu.

En contraposición, a muller manifestou na vista que "consentimento non houbo ningún" pola súa banda para manter unha relación sexual co procesado e que non soubo "reaccionar" ante o sucedido. "Non fixen nada nese momento", indicou.

A denunciante explicou que "estaba con moita medicación porque tiña moita ansiedade". "Tomeime as pastillas e quedeime cao, durmida", asegurou para apuntar que cando empezou a "darse conta do que está a pasar" tivo "medo á reacción" que puidese ter o procesado. "Pensei na miña propia supervivencia", apostilou. A consecuencia destes feitos, segundo sinalou, está a tratamento.

PETICIÓN DE CONDENA

Na lectura de conclusións, o Ministerio Público mantivo a petición de pena de oito anos de cárcere e outro cinco de liberdade vixiada, así como o pago dunha indemnización á vítima de 10.000 euros polo dano moral causado. Segundo argumentou a fiscal, na vista quedou acreditado que "non mediou consentimento en ningún caso" nos actos de carácter sexual e que o acusado "se aproveitou da situación" xa que a muller "estaba durmida e el coñecíao e sabíao".

Respecto da vítima, insistiu en que a súa declaración é "coherente e persistente" e argumentou que existen probas periciais que sosteñen a súa "verosimilitude". A defensa, pola súa banda, sostén que o procesado "non cometeu delito algún" e que "non houbo acto concluínte ou inequívoco de que ela se opuxese ás relacións". "A relación sexual debeuse a un consentimento válido entre dúas persoas maiores de idade", apostilou.

FEITOS

Segundo recolle o escrito do Ministerio Fiscal, o acusado, de nacionalidade peruana, de 18 anos no momento dos feitos, atopábase no domicilio da vítima, situado na Coruña, e cando quedou durmida empezou a abusar sexualmente dela. A muller chegouse a espertar, pero finxiu estar durmida "por temor a unha reacción violenta" do novo, aínda que esta "non se produciu en ningún momento", relata.

Os feitos, engade no seu escrito, ocorreron na mañá do 24 de xuño de 2022 sobre as 08,30 horas e reciben a cualificación de abuso sexual conforme ao Código Penal vixente antes da coñecida 'lei de só si é si', porque a normativa anterior élle máis favorable.

Audiencia Provincial da Coruña
Audiencia Provincial da Coruña | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta