Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2024 | Actualizada ás 17:28
Un total de 2.702.442 galegos e galegas están chamadas a votar nas eleccións europeas do próximo 9 de xuño, dos que 109.690 farano por primeira vez nuns comicios deste tipo ao cumprir os 18 anos desde a última cita electoral, segundo datos da Delegación do Goberno en Galicia. O seu máximo responsable, Pedro Blanco, presidiu a reunión que pon en marcha a planificación loxística do organismo central para as eleccións ao Parlamento europeo do próximo 9 de xuño.
O delegado do Goberno lembrou que a Administración Xeral do Estado ten asignadas dúas funcións específicas neste proeso electoral. Por unha banda, prestar o soporte loxístico necesario para o exercicio do voto, incluída a seguridade de todo o proceso e, por outra, transmitir os datos de participación e escrutinio o mesmo día das eleccións. Esta tarefa reflíctese, segundo a Delegación do Goberno, no orzamento que se destina en Galicia para a súa organización e que se sitúa por encima dos 4,6 millóns de euros.
CIDADÁNS DA UE EN GALICIA
Do total dos electores, 7.459 son persoas cidadás da Unión Europea residentes en Galicia e 480.221 representan a galegos e galegas que viven fóra das fronteiras españolas. Estas persoas recibirán no seu domicilio a documentación necesaria para depositar o voto, ben nos locais habilitados nos países de destino ou ben por correo certificado.
En canto á loxística, o delegado do Goberno destacou que Galicia contará con 3.992 mesas distribuídas en 2.337 locais electorais. Haberá dispoñibles case 4.000 urnas e 3.098 cabinas para elixir as papeletas. En total, imprimíronse 84 millóns de papeletas.
Estas mesas estarán atendidas por 11.766 membros de mesa, para as que se seleccionarán durante esta semana máis de 35.000 persoas entre titulares e suplentes. Un total de 2.548 representantes da Administración encargaranse de verificar a correcta apertura das mesas, resolver incidencias e recoller os datos de participación e do reconto de voto.
Ademais, tanto na Delegación do Goberno como nas subdelegacións haberá persoal habilitado para solucionar calquera incidencia que poida xurdir. Ademais, haberá 7.101 efectivos de seguridade, segundo as previsións que se manexan, entre Policía Nacional, Garda Civil e policías locais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.