Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 28/01/2025 | Actualizada ás 14:33
O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense denunciou "a ocupación ilegal" da cafetaría situada no xardín xaponés, no centro da cidade, por parte dunha empresa que carece de vínculo contractual. Segundo explicou en rolda de prensa o portavoz nacionalista en Ourense, Luís Seara, o contrato co adxudicatario orixinal rescindiuse o pasado 15 de outubro por "incumprimento grave" por parte da empresa.
Así, lembrou que a cafetaría se adxudicou en xullo do 2020 por un importe de 68.970 euros e por un período de cinco anos non prorrogables, e que o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jacome, expúxoo nese momento como "un dos grandes éxitos da súa xestión". Con todo, Seara celebrou que o BNG fora crítico dende o inicio cuestionando a adxudicación e agora "os feitos" dan "a razón" ao BNG.
O contrato orixinal viuse afectado pola detención do adxudicatario, quen foi posto en prisión preventiva, o que provocou o peche temporal do establecemento entre o 22 de agosto e o 5 de setembro de 2023. Durante este período os inspectores de Comercio do concello "constataron que o nome na fachada non coincidía co do adxudicatario", o que foi considerado "infracción grave", dado que o contrato prohibe ceder arrendar ou traspasar o local sen autorización municipal.
Por mor destes feitos, o BNG presentou varias preguntas en pleno, entre elas se o concello iniciara un expediente para rescatar a adxudicación. Seara rememorou que a resposta do alcalde foi negativa, alegando que "se trataba dun asunto que só afectaba a un particular e obviando que se trataba do incumprimento dun contrato público". Pero, a intervención municipal e o informe correspondente levaron a Jácome a resolver o contrato por "incumprimento culpable" e a incautar "a garantía definitiva prestada en forma de aval, é dicir 14.250 euros".
A pesar de que o contrato foi rescindido oficialmente en xullo do 2024, en concreto o día 30, o BNG denuncia que a cafetaría "segue operando" e que desde o 15 de outubro a xestión recaeu nunha empresa distinta á adxudicataria orixinal, "e coa que o concello non ten relación contractual ningunha". Para os nacionalistas a situación é "unha ilegalidade manifesta", xa que a maiores aseguran que pediron copias das liquidacións correspondentes ao canon dos trimestres de 2024, atopando que os tres primeiros foron liquidados integramente pero o cuarto trimestre só parcialmente.
"Preguntámonos como é posible que o concello permita que unha empresa coa que non ten contrato xestione unha concesión pública", cuestionou Seara engadindo que outra dúbida é saber "como vai cobrar o concello a unha empresa coa que non ten relación contractual o diñeiro correspondente á vez que leva xestionando a concesión, para a que non está autorizada". Reprochan que se trata de "unha circunstancia inaudita" xa que o concello ten "ocupada unha instalación municipal nun espazo privilexiado, sen recibir nin un só euro". Así as cousas, Seara adiantou que, no caso de que continúe a inacción municipal, "probablemente" denuncien estes feitos ante Fiscalía "porque é unha situación enormemente grave".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.