Polémica polo futuro de San Simón, "cercaron-mi as ondas, que grandes son"

A Xunta evita confirmar que será unha illa da "memoria democrática" e confirma que continuarán as actividades culturais e de lecer nun enclave que "pasou por moitos momentos" na súa historia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2025 | Actualizada ás 20:38

Comparte esta noticia

A Xunta solicitará ao Goberno central que lle transfira a titularidade do conxunto das illas de San Simón e San Antón cando, dentro de dous anos, venza a cesión en usufructo que ten desde 1997.

Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no pleno do Parlamento galego ao responder a dúas preguntas da oposición sobre a declaración deste enclave da ría de Vigo como lugar de memoria democrática. A pesar das críticas de BNG e PSdeG, o conselleiro confirmou que a intención da Xunta é continuar coas actividades de carácter cultural, turístico, ambiental e "de memoria e recoñecemento", porque a illa "pasou por moitos momentos" ao longo da súa historia.

Todo iso despois de días nos que estiveron no foco as palabras do deputado do PP José Luís Ferro sobre que non había constancia de mortes en San Simón cando serviu como cárcere franquista durante a Guerra Civil e os primeiros anos de ditadura. Unha semana despois, desculpábase a través dun artigo en medios de comunicación.

"UN PROBLEMA DE DESMEMORIA"

A deputada do PSdeG Palomaba Castro referiuse a este asunto na formulación da súa pregunta, para censurar que aos populares "non lles gusta moito" falar de memoria histórico porque "negan a realidade do ocorrido" en San Simón. Por parte do BNG, Luís Bará lembrou aos "centos de miles de presos" que pasaron pola illa e "os 500 que morreron" alí. "Vostedes teñen un problema de desmemoria e de falta de respecto ás vítimas e ás familias, ás que ofenden e arrastran", esgrimiu o nacionalsita, para acusar á Xunta de converter este enclave "nun parque de atraccións".

Na súa resposta, o conselleiro de Cultura negou que ao seu partido non lle guste tratar a memoria democrática: "Ao contrario, o debate enriquécenos a todos. O que non nos gusta é a utilización que fan vostedes dos debates de memoria histórica". López Campos reivindicou a "historia clara en defensa das liberdades" do PPdeG e rexeitou "polemizar" .

Illa de San Simón.. CONCELLO DE REDONDELA
Illa de San Simón.. CONCELLO DE REDONDELA

"NINGUÉN DISCUTE" A REPRESIÓN

Seguidamente, dixo que "ninguén discute" que miles de presos pasaron pola Illa de San Simón e defendeu a Xunta leva a cabo actividades "variadas" neste enclave da ría de Vigo polo que anualmente pasan uns 30.000 visitantes. O conselleiro mencionou o programa de residencias literarias, o Festival Sinsal e actividades "de recuperación e recordo" das vítimas do franquismo nesta illa á que se referiu como "un recurso extraordinario".

Neste contexto, garantiu que a Xunta "vai seguir realizando" actividades culturais, deportivas e de lecer, entre outras, "por suposto dando a coñecer o papel deste conxunto ao longo da súa historia".

DECLARACIÓN COMO LUGAR DE MEMORIA

Tanto Bará (BNG) como Castro (PSdeG) pediron ao Goberno galego que "deixe de blanquear" o franquismo e que apoie a declaración, por parte do Estado, do conxunto de San Simón como lugar de memoria democrática. O conselleiro lembroulles que é o Executivo central o que "ten que facer" este recoñecemento. "Se tanto lles preocupase, nos seus acordos (para a investidura de Pedro Sánchez) estaría recollida esta declaración", espetou á oposición.

Á parte de solicitar a titularidade da illa de San Simón, López Campos aproveitou para reiterar a petición de cesión do Pazo de Meirás, tal e como o solicitou o Parlamento galego tras a sentenza que desposuíu o inmoble á familia Franco: "Aínda non sabemos absolutamente nada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta