O BNG queda só na Cámara pedindo declarar a Castelao como primeiro presidente de Galicia

O PP asegura que non se pode recoñecer como presidente porque "nunca foi elixido", mentres que PSdeG e o deputado de D.O. abstéñense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2025 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

A Cámara galega rexeitou este mércores, cos votos en contra do PPdeG, a iniciativa a través da que o BNG reclamou que Castelao sexa declarado de forma oficial e legal como primeiro presidente de Galicia. Nas votacións, PSdeG e Armando Ojea, deputado de Democracia Ourensá (D.Ou.) optaron pola abstención.

A líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, foi a encargada de defender a proposición non de lei a través da que a súa formación aspiraba a "saldar unha débeda histórica cunha persoa que dedicou a súa vida a defender a Galicia e a loitar polos dereitos nacionais". "Trátase de rescatar a nosa memoria histórica, facer xustiza con Castelao e con toda a xeración que pagou tan caro o amor a este país. Se tata de recoñecer que o primeiro presidente deste país, por dereito propio, foi Castelao desde o exilio, á fronte do Consello de Galicia", proclamou.

Un Consello, defendeu, constituído en 1944 en Montevideo cuxa forma xurídica é a dun órgano fideicomisario da vontade popular expresada nas urnas o 28 de xuño de 1936, referendada por máis dun millón de galegos, dos cales, o 99,2% deulle o apoio ao Estatuto. "Unha vontade que quedou truncada polo golpe militar e a posterior ditadura franquista", lamentou.

Pontón, que destacou que se tratou dun órgano representativo para velar polos intereses políticos de Galicia, asegurou que foi un "goberno galego no exilio, un instrumento homologable ao Goberno vasco e ao Consello catalán, tal e como recoñecen reputados historiadores como Xusto Beramendi ou Ramón Villares".

"Castelao é de todos e de todas as que levan a Galicia na cabeza e no corazón. Castelao é de todos e de todas menos dos fascistas e dos seus herdeiros. Castelao é de todos e todas menos dos que atacan o que el máis amou, Galicia, a súa lingua e a súa xente. Castelao é de todos e todas menos dos que deturpan as súas ideas e o seu legado político", manifestou para pedir o apoio á iniciativa "por xustiza".

ABSTENCIÓN DE PSDEG E D.O.

Na sesión, os socialistas galegos optaron pola abstención, ao mostrarse partidarios, como defenderon a través dunha emenda rexeitada polo BNG, de promover un estudo sobre a construción do Goberno de Galicia no exilio e recoñecer a figura de Castelao como artífice do mesmo. E é que, conforme trasladou Silvia Longueira, o debate non se trata de "outorgar títulos políticos" senón de "fixar a memoria e difundir un legado" e que en Galicia non se foi capaz de situar "na memoria de todos".

Longueira iniciou a súa intervención lembrado o exilio ao que se viron obrigados miles de galegos, como Castelao e Luís Seoane, para "fuxir da barbarie" do franquismo e dixo que "explicalo ata a saciedade, divulgalo xeración tras xeración e fixalo na memoria colectiva é unha tarefa que Galicia aínda ten pendente como sociedade".

O deputado de Democracia Ourensana, que tamén se abstivo, cualificou a proposta do Bloque como unha iniciativa "ómnibus". Así, dixo que a súa formación está de acordo cos dous puntos nos que se propón o recoñecemento de Castelao como presidente e a divulgación da súa figura, pero sostivo que no referido a o seu recoñecemento como presidente, teñen "dúbidas máis que razoables".

REXEITAMENTO DO PP

En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, referiuse a a iniciativa do BNG como "un compendio dos erros máis importantes" que o Bloque comete neste 2025 declarado Ano Castelao e considerou que "vale a pena facer un esforzo" por reconducir a situación e render a homenaxe que Castelao merece.

Pazos lamentou que o BNG trate "apropiarse" da súa figura e reducir o seu recoñecemento á escasa representación que os galegos lle outorgaron nas urnas. "Se Castelao só pode ser dos que pensan que Galicia é unha nación non representaría máis que a unha mínima parte do pobo galego e creo que nin Castelao nin Galicia caben nas estreitezas ideolóxicas do BNG", apuntou.

Tras sinalar que "tres eleccións consecutivas sendo derrotada deberíanlle dar para asumir esta derrota", dixo que "o PP comparte a conveniencia de que a Cámara apoie a celebración este 2025 como ano Castelao", así como rehabilitar a súa figura. Para iso, pediu a votación por puntos da iniciativa, unha solicitude que o BNG rexeitou. "O que non podemos é recoñecer a Castelao como primeiro presidente, porque nunca foi elixido", apuntou.

Ana Pontón realiza unha ofrenda floral ante a tumba de Castelao no Panteón de Galegos Ilustres
Ana Pontón realiza unha ofrenda floral ante a tumba de Castelao no Panteón de Galegos Ilustres | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta