Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 29/01/2025 | Actualizada ás 18:08
O PP votou en contra de senllas iniciativas do BNG e PSdeG que pedían unha xestión pública e directa do Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense. Este debate no pleno do Parlamento galego estivo marcado polo feito de que a deputada popular Raquel Arias empregou a súa intervención para reprochar que "a actitude do PSOE e o BNG neste tema é indigna e inmoral". E é que se referiu a a información publicada recentemente por 'La Región' na que se informa de que o exportavoz da plataforma ProCAPD Rosendo Fernández foi condenado por abusos sexuais a unha nena de 4 anos en 1994. "Unha persoa sen ningún tipo de escrúpulos que non ten vínculo familiar coa discapacidade, pero que utilizou as inquietudes das familias", recrimina.
Arias dixo que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, "comparte pancartas" e "publicacións en redes" con Rosendo Fernández, "chamado para levalo nas súas listas". E asegura que "tamén ten vínculos" co PSOE. Sostén que ambos os partidos usaron ao agora exportavoz de ProCAPD como "ariete" contra a Xunta. Por todo iso, esixe aos líderes de BNG e PSdeG, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, que "dean explicacións e pidan perdón". Igualmente, a deputada popular defendeu que "será unha entidade social a que se encargue" do funcionamento do centro que abrirá as súas portas en abril. Arias lamenta que a oposición "poña dúbidas sobre a calidade do servizo". Tamén arremeteu contra a "dobre rapadoira, dobre moral" de BNG e PSOE por "externalizar" servizos de dependencia en deputacións e concellos.
QUE A XUNTA DEA EXPLICACIÓNS
Estas palabras da deputada popular provocaron que tanto Noa Presas (BNG) como Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG) esixisen explicacións ás Xunta de como é posible que permitise que este home puidese seguir traballando con menores a pesar de contar cunha pena de prisión por uns feitos de tal gravidade. Pola súa banda, Noa Presas (BNG) tachou de "absolutamente lamentable" a actitude do PP, que "non ten escrúpulos" e está "cada vez máis degradado moralmente e ultra". Deixa claro que o exportavoz de CAPD non ten ningunha "vinculación orgánica" co Bloque, pero, de tela, o BNG actuaría "con contundencia", o que contrasta co PP, un partido que "xustifica que un maltratador sexa concelleiro" e que "exonerou e avalou" ao "delincuente viario" José Manuel Baltar ("ao que todos ouvimos extorsionar a unha muller intercambiando sexo por traballo", dixo).
Por iso, Presas avanza que o BNG esixirá á Xunta que explique "desde cando sabe isto e non actuou". De feito, asegura que houbo outro expediente en Vigo, pero o Goberno galego "mirou para outro lado", segundo di, "sabendo que hai antecedentes". Incide en que o caso se "gardou nun caixón" para filtrar agora e "facer dano" á plataforma. "Non teñen escrúpulos", espetou aos populares. "Que callo, señora Arias!", sentenciou Rodríguez Dacosta, quen lembrou que este individuo condenado "traballaba para a Xunta de Galicia como educador", polo que demanda aclarar ao Executivo autonómico "que está a facer nesa cuestión". A deputada socialista sinalou que "non existen casualidades", pois nun contexto de polémica pola xestión "casualmente sae á luz o historial dese ex membro da plataforma". Previamente, Noa Presas (BNG) esixiu á Xunta que "rectifique esta privatización" do CAPD, xa que hai unha demanda social "moi clara" para que este centro sexa de "xestión pública e directa".
Lembra que en 2016 asinouse un compromiso no Parlamento no cal se recollía que o centro "será público e de xestión directa". Por iso, cuestionou aos populares se "vale para algo a súa palabra" ou simplemente era unha cuestión "electoralista". Así mesmo, Presas tachou á responsable de Política Social, Fabiola García, como a "conselleira da covardía", posto que en seis anos "non tivo a decencia de recibir aos pais e nais desta plataforma". Agora, carga contra a "indecencia" de "aprobar a privatización" do centro no último Consello do ano, que xa sacaron a licitación, pero avisa de que "as familias non tragan". Pola súa banda, Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG) reclamou aos deputados do PP que "teñan en conta estas reivindicacións", pois considera que é "a máis xusta que se fixo en Ourense nos últimos anos". Subliña que "o medo que teñen os pais de persoas con discapacidade é que pasará o día que non estean". Mentres, o deputado de Democracia Ourensana Armando Ojea rexeitou intervir neste debate.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.