Os estudantes da USC poderán ampliar os créditos optativos a partir do próximo curso

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) permitirá a partir do próximo curso 2024/25 que os graos e másteres amplíen a porcentaxe dos créditos optativos nos seus plans de estudos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2024 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) permitirá a partir do próximo curso 2024/25 que os graos e másteres amplíen a porcentaxe dos créditos optativos nos seus plans de estudos. Así figura nunha modificación do regulamento das titulacións que este mércores publica o Diario Oficial de Galicia (DOG), despois de que o pasado 25 de xaneiro fose aprobada polo consello de goberno da propia universidade.

En primeiro lugar, para os graos, non cambia que os plans de estudo deben ter un máximo dun 15% de créditos optativos sobre o total do título (aínda que excepcionalmente, en casos xustificados, pódense superar). Por tanto, a modificación afecta á oferta de créditos en materias optativas, cuxo límite máximo pasa do 30 % ao 35 % do total.

No caso dos másteres, ata agora os créditos optativos só podían ser un 25 % do total, pero agora amplíase o límite ata a metade, ao fixar que o número de créditos obrigatorios (sen contar prácticas e o traballo final) debe ser "igual ou superior" aos optativos. Neste caso, non se contan as prácticas que non sexan obrigatorias.

Ademais, en canto ás especialidades ofertadas polos másteres, a partir de agora cada unha delas poderá supor entre o 25 % e o 50 % do total da titulación. Antes, o mínimo estaba fixado no 20 %. Todas estas modificacións do regulamento, que permiten unha maior optatividade nos estudos do alumnado, entrarán en vigor no curso 2024/25, segundo ratifican a Europa Press fontes da USC.

Estudantes
Estudantes | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta