Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2024 | Actualizada ás 10:42
A Real Academia Galega (RAG) modificou, no seu dicionario 'en liña', a definición do autismo, para adaptarse aos cambios producidos na súa descrición científica e na súa percepción social, e a petición da Federación de Autismo Galicia.
Este cambio prodúcese en véspera da conmemoración do Día Mundial do Autismo, e tras o acordo do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega. A académica de número e coordinadora en funcións do Seminario, Dolores Sánchez Palomino, explicou que a institución quere "promover os principios de xustiza, igualdade e respecto á diversidade" e iso supón un "proceso constante de revisión e modernización" do Dicionario.
A Federación de Autismo Galicia solicitara a actualización da definición da entrada de 'autismo' e facilitou a documentación sobre a revisión científica dos criterios diagnósticos deste trastorno do desenvolvemento neurológico, que deixan atrás a súa consideración como unha enfermidade.
"O autismo non cumpre con este criterio, xa que non implica un mal funcionamento dos sistemas corporais, senón diferenzas no procesamiento neurolóxico. O cambio na súa conceptualización reflicte unha comprensión máis moderna e respectuosa da diversidade neurobiolóxica, e destaca a importancia de aceptar e apoiar ás persoas no espectro autista, en función das súas necesidades e fortalezas individuais", argumentou a Federación, que representa a máis de 10.000 persoas en Galicia, tanto persoas con autismo como as súas familias.
A nova redacción, define o autismo como un "trastorno do desenvolvemento neurolóxico caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación, e por patróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipados". De acordo con este cambio tamén se actualizou a voz 'autista'.
No apartado de observacións, o Dicionario engade que, normalmente, utilízase a expresión 'trastorno do espectro autista ou trastorno do espectro do autismo (TEA)', para designar un conxunto amplo de condicións que teñen unha prevalencia de 1 caso por cada 100 nacementos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.