Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2024 | Actualizada ás 19:58
Os servizos de emerxencia tiveron que excarcerar á condutora dun turismo que sufriu un accidente no municipio ourensán de Esgos contra un autobús escolar, no que non se rexistraron feridos. Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o sinistro produciuse ás 16,30 horas deste martes no quilómetro 15 da estrada OU-536.
Ata a zona mobilizáronse efectivos dos bombeiros de San Cibrao, o GES de Pereiro e a Garda Civil, ademais dunha ambulancia de Urxencias Sanitarias 061. Así, a muller que conducía o coche tivo que ser liberada co emprego de material de excarceración para que puidese ser atendida polo persoal sanitario.
No autobús escolar viaxaban dez persoas, ningunha das cales sufriu feridas a consecuencia do impacto, segundo o 112.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.