Que fai a xente cando non quere unha prenda de roupa? Consellos para combater a moda rápida

Da man da blogueira Andrea Goro coñecemos a situación en Galicia, accións para contrarrestar as consecuencias deste tipo de moda, así como tendas de segunda man ou vintage.

Por Amanda Fernández | Lugo | 18/04/2024 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

Que fas cando unha prenda ocupa espazo no teu armario e xa non a pos? Optas por doar? Ou se cadra pensas en que teña unha segunda vida? A moda rápida continúa sendo unha realidade, así como a tendencia consumista, alimentada polas necesidades creadas a través das redes sociais. "Estamos nun mundo onde todo o tempo nos están intentando vender algo e así ter máis cousas, cousas novas e de marca, viaxar máis e tamén consumir máis", manifesta Andrea Goro, que leva moitos anos no mundo dos blogs (@bolborÉtica) para concienciar sobre cuestións de protección medioambiental e difundir contido. Comenta que foi consciente de que se fala moito disto en zonas de España, como Madrid ou Barcelona, pero non tanto no ámbito galego. "O meu labor é simplemente contrarrestar e concienciar á xente sobre o problema que existe de produción de residuos hoxe en día e con que accións poderían producir menos residuos", explica. 

Intercambio de roupa
Intercambio de roupa | Fonte: La Casa Encendida

Nesta liña, Andrea considera que o público obxectivo ao que se dirixen a maior parte de influnencers é aquel grupo social "vulnerable que quere encaixar e fará o que sexa". Fai falta espazos para falar doutras maneiras de expresión e no ámbito da moda, expresa, que non se fala o suficiente "do problema que trae consigo a moda rápida". Deste xeito tenta aprender e comunicar para atopar novas maneiras de vivir "dunha maneira máis ética". 

O ESTIGMA DE REUTILIZAR EN GALICIA

"En Galicia aínda temos bastante estigma co tema de reutilizar, aplicado a calquera tipo de producto e este sería o primeiro problema", comenta, xa que estivo e vive fóra e observou esta cuestión. Deste xeito, se a xente non "está concienciada ou afeita, non haberá tantas opcións despois no mercado". Vive moi preto de Vigo e cada vez que volta a Galicia expresa: "Ves a rúa de Príncipe chea de xente e marcas de moda rápida e pensas en cal é a alternativa". Serían as feiras de roupa vintage, de intercambio de roupa ou tendas de segunda man. Desta maneira, un producto que xa está feito, unha prenda xa producida e en perfecto estado, "é perfecta para levar posta máis aló de que a usase outra persoa anteriormente". Ante este estigma, expón o de reutilizar vasos e platos nos hoteis, que se lavan despois de cada uso. "É un clic que temos que facer na cabeza", manifesta Andrea. 

Porén, detecta que a xente cada vez se conciencia máis e que a comunidade galega pode cambiar a maneira de consumir roupa e mercar dunha forma máis sostible. Por onde empezamos, cales son as opcións? "Non hai tantas como podería haber nunha gran cidade como Madrid ou Barcelona, e o que trato é de identificar cales son eses lugares onde adquirir roupa de segunda man e compartilo nas redes", comenta e pon de exemplo: Retro Rocket Vintage Shop en Vilagarcía de Arousa; PiPLOT Vintage en Allariz; Rayo verde en Vigo, Kaméleon Vintage en Santiago de Compostela; Reestrea en Ourense; ou La Fruslería de Madame Déficit en Lugo. Fai especial fincapé en diferenciar segunda man de vintage porque "a xente pensa que todo o de segunda man é vintage e non é así". Explica: "Vintage é algo que se fabricou hai máis de 20 anos e soe ser máis doado atopar tendas vintage ca roupa de segunda man, que non ten por que ser cara, senon roupa de hoxe en día que alguén non quere e revende", 

Comenta que ademáis desas opcións, cando falamos de "consumo responsable" tamén se pode comezar por cousas básicas sen ter que saír mercar unha prenda nova. "As veces facemos na miña oficina ou con amigos intercambio de roupa".

O PROBLEMA DE ONDE ACABA A ROUPA QUE VAI AO LIXO

Por desgraza, moita roupa que a xente xa non quere poñer acaba no lixo e "o problema é que se acaba acumulando nos vertedoiros" e, engade, "a roupa da moda rápida que consumimos hoxe en día, na meirande parte está feita de materiais sintéticos". Así, Andrea manifesta que acaban sendo microplásticos que non se ven e forman parte do solo confundíndose con alimento para animáis e chegando aos humanos. "Que fai a xente cando non quere unha prenda? É importante en Galicia que desde as administracións públicas, se facilite á xente poder levar a roupa a lugares nos que se recicle o téxtil porque neste momento tampouco existen moitas alternativas", destaca.

Como alternativa está a aplicación de Vinted, que conta cunha comunidade con máis de 65 millóns de membros para mercar e vender moda de segunda man. Para esta blogueira ten "unha parte escura". Expón que está ben para darlle saída a esa roupa que xa non se quere poñer, pero que o feito de vender fácil pode repercutir en mercar máis. "Merco algo, non pasa nada se logo non o quero porque podo vendelo en Vinted sen problema. Deste xeito, existe un perigo de que esa sostibilidade disfrazada acabe sendo unha tendencia á compra masiva e invertir máis diñeiro en moda rápida", considera. 

CONSELLOS FRONTE Á MODA RÁPIDA

Andrea Goro enumera diferentes consellos para con pequenos pasos facer fronte á moda moda rápida. O primeiro paso, segundo indica, é informarse, ser consciente de cales son as consecuencias da moda rápida a nivel emisión de residuos, toxicidade, explotación de traballadores... "Vai ser máis doado para ti tomar certas medidas e cortar coa moda rápida máis fácilmente", pensa. Unha vez xa empregas o que tes, lembra que hai unha cousa que "non se fai agora tanto coma antes, como no tempo das nosas avoas e avós", que é reparar a roupa. "As mercerías ás que levas a roupa para arranxar, antes había moitos lugares así, agora xa non tanto, custa máis atopalas".

Nesta liña, continúa coa importancia de reducir o que mercamos, reutilizar o que xa temos ou como dícia reparar. Despois, "a opción de revender ou intercambiar con familiares ou amigos aquela prensa que xa non usas". Unha vez xa fixemos todo isto, manifesta, están as marcas de moda sostible. Cada vez hai máis en Galicia, tipos de marcas que fabrican a roupa "tendo en conta as consecuencias medioambientais e sociais", marcas que producen "con materiais sostibles, orgánicos ou reciclados", e que van "producir na nosa zona ou preto, España, Galicia, Portugal". Así, tamén pensa que son marcas que teñen en conta aos seus traballadores e o seu benestar e son marcas que producen por demanda. "Non é como a moda rápida que sacan colección nova cada semana, producen menos, pero mellor, roupa de máis calidade para que dure máis e non teñas que volver mercar ao mes seguinte", manifesta.

A modo de resumo, en Galicia hai poucas, pero hai tendas de roupa de segunda man e outra de roupa vintage; ausencia de 'rastros', pero cada vez máis de iniciativas a modo de eventos de un día ou dous con moda de segunda man, vintage ou outro tipos de artigos. Sen ir máis lonxe, na Tenda Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Galicia en Ourense realiza un Intercambiador de roupa do 15 ao 29 de abril, para dar unha segunda vida a esas prendas. Nesta liña, tamén aumentan as marcas galegas sostibles e Andrea quixo facer mención as apostas de artistas na gala dos Premios Mestre Mateo por levar deseños de marcas galegas. "Que se fale desta cuestión tamén me parece un avance", conclúe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta