O sector tecnolóxico galego xerou uns 4.000 postos de traballo nos últimos cinco anos

Así o reflicte un informe de Osimga publicado este venres.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2024 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

O sector tecnolóxico galego xerou nos últimos cinco anos preto de 4.000 postos de traballo e pechou o 2023 cuns 23.000 empregos directos en Galicia, segundo os datos recolleitos no informe do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), 'O Sector TIC en Galicia 2023', publicado este venres.

Segundo trasladou a Xunta nunha nota de prensa, o número de empresas tamén mantén un ritmo de crecemento constante nos últimos anos e suma 3.140, o que mantén á Comunidade no quinto posto da clasificación estatal.

Así mesmo, o documento do Osimga, entidade adscrita á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, sinala que o volume de facturación do sector TIC galego creceu no 2022 preto dun 14%, o que supón 450 millóns de euros máis e un total de 3.697 millóns de euros facturados. O valor engadido bruto (VEB) das empresas tecnolóxicas galegas en 2021 (ultimo dato dispoñible) foi de máis de 1.753 millóns de euros, o 2,7% do PIB galego.

Por outra banda, crece preto dun 8 por cento a porcentaxe de traballadores con titulación universitaria STEM (especialidades formativas de Ciencias Naturais, Tecnoloxías, Enxeñarías, Informática e Matemáticas), nas empresas tecnolóxicas galegas, que pasa dun 39,3% a un 42,4%.

Con todo, o 78,8 por cento das empresas TIC galegas considera difícil ou moi difícil contratar novo persoal con formación en especialidades STEM.

TECNOLOXÍAS INNOVADORAS


O informe tamén recolle que o emprego das tecnoloxías innovadoras no sector tecnolóxico está encabezado pola Internet das Cousas cunha porcentaxe do 36,5 por certo. O Big Data ocupa xa o segundo lugar, cunha presenza do 35 por cento, seguido da Intelixencia artificial, que é empregada polo 29,5% das empresas TIC galegas.

Doutra banda, o 27,5% das tecnolóxicas galegas fai uso ou incorpora aos seus servizos recursos de Business Intelligence, un 24,8% emprega Chatbots e máis do 11% utilizou a impresión 3D no 2023.

Respecto á ciberseguridade, a Xunta destaca o crecemento de empresas TIC galegas que ofertan produtos ou servizos de ciberseguridade, que no ano 2023 foi do 27,6% (cun incremento do 12,2% respecto ao ano anterior).

Economía
Economía | Fonte: Motor.- A planta do Grupo PSA en Vigo utiliza o Big Data. GRUPO PSA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta