Os alcaldes socialistas asinan un manifesto no que condenan os ataques a Sánchez, ao que consideran vítima de 'lawfare'

Impulsado pola alcadesa da Coruña, asínano os rexedores de Barcelona, Vigo, As Palmas e Vitoria, entre outros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 26/04/2024 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

Os alcaldes das principais cidades españolas gobernadas polo PSOE asinaron un manifesto de apoio ao presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, no que suxiren que está a ser vítima de 'lawfare' é dicir, guerra xudicial contra adversarios políticos. O manifesto "a favor da concordia e a convivencia democrática" impúlsao a alcaldesa da Coruña e vicepresidenta primeira da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Inés Rey, e, segundo o PSOE asínano máis de 2.500 alcaldes, presidentes de deputacións provinciais, cabidos e consells do PSOE e doutros partidos "progresistas".

Segundo indica o texto, dan este paso por mor da decisión de Sánchez de abrir un período de reflexión para decidir se continúa á fronte do Executivo, que se produciu por mor das investigacións á súa muller, Begoña Gómez. Os asinantes sinalan que a decisión de Sánchez vén condicionada por "comentarios e accións difamatorias" cara á súa persoa e a súa contorna, que traspasan do campo político ao persoal.

"Unha corrente de impulso ao lawfare que tivo xa os seus primeiros precedentes en Europa. Por exemplo Jacinda Ardern, ex primeira ministra de Nova Zelandia; ou António Costa, ex primeiro ministro de Portugal. E tamén en España co caso de Mónica Oltra", sinalan. "A deriva dos discursos e as campañas dos últimos anos promovida por parte da extrema dereita e a dereita extrema son incompatibles para os alcaldes e alcaldesas progresistas cos valores democráticos e supoñen un perigo para a convivencia", sinalan.

Entre os asinantes, están Javier Ayala, alcalde de Fuenlabrada e portavoz do grupo socialista da FEMP; Jaume Collboni , alcalde de Barcelona; Carolina Darias, alcaldesa das Palmas; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Maider Etxebarria, alcaldesa de Vitoria; Miryam Andrés, alcaldesa de Palencia; Antonio Rodríguez Osuna, alcalde de Mérida; David Bote, alcalde de Mataró; Mariví Monteserín, alcaldesa de Avilés; Carlos Fernández Bielsa, alcalde de Mislata; e Francisco Reyes, presidente da Deputación de Xaén.

Sinalan ademais que como persoas que se dedican ao exercicio político, queren expresar a súa "empatía e solidariedade" a todas as persoas que foron obxecto de ataques, insultos "promovidos desde estas actitudes radicais e intolerantes". O documento, que non leva as siglas de ningún partido, conta ademais co respaldo de todos os alcaldes e alcaldesas das capitais de provincia e principais cidades socialistas, ademais dos presidentes de deputación e cabidos e os presidentes e presidentas das Federacións de Municipios de Cataluña, Canarias, Asturias, Galicia e Estremadura, segundo indican fontes do PSOE.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey (i), o alcalde de Barcelona, Jaume Collboni (c), a presidenta da Deputación de Barcelona, Lluïsa Moret (3d), o exministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta (2d)
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey (i), o alcalde de Barcelona, Jaume Collboni (c), a presidenta da Deputación de Barcelona, Lluïsa Moret (3d), o exministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta (2d) | Fonte: Alberto Paredes - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta