Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2024 | Actualizada ás 20:05
O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal, apelou a buscar unha alternativa "de maneira técnica" para o dragado do río Lérez en Pontevedra, en resposta a preguntas a este respecto do PSdeG e o BNG.
Así o manifestou na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos. Nela, rexeitou, como expuxo o BNG, crear unha comisión na que estea representado tamén o sector marisqueiro e o Concello de Pontevedra, entre outros.
"A proposta ten que ser técnica", dixo aludindo a unha comisión con presenza de Portos de Galicia e da Administración do Estado, ademais dos portos de Vigo, Marín e Vilagarcía. Tamén rexeitou comparar esta actuación con outros dragados como o da ría do Burgo en Culleredo.
"Isto é distinto", en alusión ás referencias feita a este respecto pola deputada socialista Paloma Castro, que argumentou que seguen "esperando" por un proxecto en Pontevedra que "mellore" a calidade das súas rías.
De "escusas" cualificou o parlamentario do BNG Luís Bará os argumentos do presidente de Portos de Galicia. "É unha cuestión orzamentaria", dixo tamén para reprochar á Xunta o "incumprimento de acordos" alcanzados en 2019.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.