Pontón chama á manifestación este domingo pola sanidade: "O PP está convertido nun perigo para a saúde"

"Temos que mobilizarnos para defender unha das grandes conquistas sociais, a sanidade pública, que durante estes últimos 16 anos leva soportando recortes e privatizacións que ao final quen a paga é a cidadanía", sentenciou.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2025 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou aos galegos a participar este domingo na manifestación convocda por SOS Sanidade Pública en Santiago ante un goberno do PP que "está convertido nun perigo para a saúde". En declaracións aos medios este sábado, durante a xornada 'AN-PG, 50 anos de alternativa nacionalista', Pontón fixo este chamamento á cidadanía para que acudan á protesta ante os "recortes e privatizacións" no Servizo Galego de Saúde (Sergas). "Temos que mobilizarnos para defender unha das grandes conquistas sociais, a sanidade pública, que durante estes últimos 16 anos leva soportando recortes e privatizacións que ao final quen a paga é a cidadanía", sentenciou.

A líder do BNG, Ana Pontón
A líder do BNG, Ana Pontón | Fonte: BNG

Pontón mencionou, entre outros motivos para manifestarse, as "listas de espera" para ir ao médico de cabeceira, os "11.000 nenos e nenas sen pediatra" en Galicia e unhas demoras na atención hospitalaria que "son superiores" a antes da pandemia da covid. "En definitiva, estamos a ver como o Partido Popular quere deteriorar o público para beneficiar o privado e é fundamental que mañá (este domingo) haxa unha gran resposta social que diga que a sanidade pública non se toca", insistiu.

Preguntada sobre as agresións que sofren profesionais do Sergas, que nos últimos meses saltaron á actualidade, a líder do BNG respondeu que "o propio persoal" di que "unha parte desa conflitividade que se vive ten que ver con recortes, coa falta de medios e coa desesperación que teñen moitas persoas" cando acoden ao Sergas e atópanse con listas de espera "que en moitos casos supera o ano". "O único que temos son anuncios que non se verifican e sobre todo o negacionismo de que os recortes teñan consecuencias na saúde das persoas", remachou Pontón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta