Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 09/11/2015 | Actualizada ás 09:00
Este martes presentase en Galicia outro novo libro que insiste na orixe galega de Colón. Desta volta trátase do investigador mexicano de orixe galega, Modesto Manuel Doval, que relaciona na súa nova obra, "Cristóbal Colón. Señor feudal galego", ao navegante con Pedro Madruga, un dos nobres máis importantes do século XV en Galicia.
Doval suliña que os dous eran a mesma persoa e que así o certifica unha peritaxe caligráfica na que participaron, segundo apunta, máis de 80 peritos expertos de diversas partes do mundo. “A teoría iniciouse con Celso García de la Riega, sabemos que Colón era galego porque escribía no galego daquela época, cos mesmos xiros, e pola toponimia, porque os nomes dos sitios que foi bautizando no descubrimento constitúen un calco das Rías Baixas, das costas pontevedresas, de feito hai máis de 200 lugares que coinciden”, suliña nunha entrevista no Faro de Vigo.
“Os amigos de Pedro Madruga son os amigos que despois tería Cristóbal Colón, os inimigos de Cristóbal Colón son casualmente os inimigos de Pedro Madruga, os sitios onde dixo Cristóbal Colón que estivo son os mesmos que sabemos que estivo Pedro Madruga, hai moitísimos datos que apoian esa total coincidencia, datos avasaladores como que por exemplo Cristóbal Colón sempre protexeu aos fillos de Pedro Madruga, preocupouse por todos os seus fillos e xa na época de Carlos V afírmase que o fillo de Pedro Madruga era fillo de Cristóbal Colón, hai moitísimas coincidencias”, engade.
Con todo, segundo os documentos da época, Madruga morreu en 1486. Sobre esta cuestión, Doval destaca que “máis que morrer desaparece porque non hai enterro, non se atopa o corpo, ninguén o reclama, e casualmente o día que Cristóbal Colón visita aos Reis Católicos está documentado que é o mesmo día que Pedro Madruga visita aos monarcas, na mesma corte, no mesmo día e á mesma hora, estiveron sentados no mesmo banco”.
En relación a este cambio de identidade, o investigado cre que se debeu a que Pedro Madruga fora un dos inimigos máis importantes dos Reis Católicos. De feito, o nobre galego tomara parte na guerra civil castelá por Xoana a Beltranexa, inimiga da raíña Isabel. Nesa época, Madruga mantén unha excelente relación co rei Afonso V de Portugal, a quen servira como navegante e que o axuda en varias ocasións.
Esta é a clave, segundo Doval, para entender esa identidade compartida entre Colón e Pedro Madruga porque “coñecía os segredos mellor gardados da navegación portuguesa, era un experto navegante”. Por iso, e segundo a súa teoría, os reis católicos” o que fixeron foi dicirlle que non lle devolverían o condado de Sotomayor pero a cambio do que che darei entregarasme eses segredos da navegación de Portugal. E aí empezaron as negociacións”.
Outros detalles para conectar as dúas personaxes historias son, segundo Dovoal, que Colón utilizou topónimos da ría de Pontevedra para bautizar localidades que ía descubrindo, “ata 200”, mantén.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.