Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2024 | Actualizada ás 14:24
O BNG demandará a devolución ao Goberno galego da lei de recursos naturais, na que ve "unha trampa" ao expor "unha especie de extorsión" con "cuestións de dubidosa legalidade" como a posibilidade de que os "beneficios sociais e económicos" dun proxecto poidan "corrixir" un informe de avaliación de impacto ambiental negativo. Nunha rolda de prensa celebrada este luns no Parlamento de Galicia, o portavoz de Medio Ambiente do Bloque, Luís Bará, avanzou que o principal grupo da oposición defenderá no pleno ordinario da próxima semana que o texto regrese ao Executivo galego.
Para a formación frontista, trátase dunha "lei trampa" que ten "un envoltorio" para, como faría unha "planta carnívora", resultar "atractiva" na súa "aparencia exterior" a través da promesa de que permitirá a distribución dos beneficios dos proxectos á sociedade galega, pero que "expón unha extorsión" porque parte dun enfoque favorable ás empresas. Segundo Bará, esta "chantaxe" da Xunta baséase na "construción" dun "discuso técnico e xurídico" para que exista unha "recepción favorable" a estes proxectos apoiándose nunha "lei Frankestein" que busca "favorecer" aos grupos de presión empresariais "en contra do interese xeral" e a protección "do territorio".
Así, advertiu que esta nova lei carrexará "máis conflitividade social e inseguridade xurídica" porque afectará a "moitos proxectos" que teñen contestación entre a cidadanía ou se atopan paralizados por decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Neste sentido, Bará censurou que a norma inclúa "vantaxes e prerrogativas" para a actividade mineira, permita implantar proxectos de explotación de enerxía eólica "fóra das áreas de desenvolvemento" deste tipo de iniciativas e abra a porta á creación de proxectos de eólica mariña. Sobre isto último, cualificou de "escandoloso" e "ridículo" que a norma da Xunta prevexa un ingreso de "entre 30.000 e 56.000 euros" polo canon de explotación da liña de evacuación dos parques de eólica mariña cando se trata de proxectos que solicitan "beneficios multimillonarios".
"NINGUNEO" AO CES
Ademais, Bará cre que "o máis grave" é "o auténtico ninguneo" da Xunta ao Consello Económico Social ao non incluír "ningunha" das recomendacións do seu ditame sobre a lei. "A Cámara Mineira de Galicia, a patronal eólica ou Greenalia tiveron máis sorte", apostilou. Por isto, reclamou "máis pluralismo" e que "escoite non só a unha parte interesada" ao executivo que preside Alfonso Rueda para a elaboración desta lei que o Bloque pedirá que sexa retirada e volva a mans do Goberno galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.