A calistenia, moito máis que unha cultura urbana, un deporte para todas as idades e condicións

Sergio, deportista e entrenador, asegura que "a calistenia pódese resumir en entrenar co propio peso corporal". "Eu traballo con anciáns e se non poden facer flexións no chan pois mándollas facer contra a parede, e iso tamén é calistenia, porque están entrenando co seu propio peso corporal", explica.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/07/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Ao pensar na calistenia sempre nos imaximos a un grupo de rapaces que están no parque colgándose de barras e competindo por ver quen o fai mellor ou quen ten o mellor físico. Sen embargo, a calistenia vai moito máis aló desa cultura urbana, tamén é un deporte que poden practicar dende nenos ata anciáns, independentemente da súa condición, co obxectivo de mellorar a súa saúde e as súas capacidades motoras. O problema é que na actualidade Galicia conta con poucos (e moi descoidados) parques para poder practicala. Dende o Galicia Confidencial falamos con Sergio, deportista e entrenador que nos explica un pouco máis sobre esta disciplina.

Calistenia
Calistenia | Fonte: Commons

"Basicamente a calistenia pódese resumir en entrenar co propio peso corporal", asegura o entrenador, que explica que ben é certo que "ten as súas raíces na rúa, nos parques" e que "tamén hai quen o define dende a súa parte máis estética, porque a palabra está composta polos termos 'kalos' (beleza) e 'sthenos' (fortaleza), que veñen a significar 'moverse de xeito elegante'", polo que "non só se trata de facer exercicio, senón de facelo ben, con fundamento". Partindo desa base, Sergio afirma que "calquera persoa pode practicalo", porque "eu traballo con anciáns e se non poden facer flexións no chan pois mándollas facer contra a parede, e iso tamén é calistenia, porque están entrenando co seu propio peso corporal, simplemente que en lugar de traballar nun plano tumbados están de pé contra a parede", explica. E destaca que "aos anciáns véñenlles xenial os exercicios con autocarga e, se ademais os facemos nun parque ao aire libre, o beneficio é dobre".

E aínda que concede que o que se ve nos parques, máis baseado en acrobacias, tamén é calistenia, "hai niveis e niveis, todo se pode adaptar e non é preciso pecharse en banda y dicir que isto é calistenia pero o outro non". "Unha persoa maior non podería poñerse a facer 'freestyle' ou acrobacias, pero simplemente facendo unha plancha xa está entrenando co seu propio peso corporal", afirma. O que acontece é que "logo xa está a cultura da calistenia como tal, o máis puro, o 'street workout', que é o traballar este deporte no parque cos teus compañeiros para xerar ese ambiente competitivo sán, buscando dominar os movementos básicos, de dominadas a fondos". Pero para Sergio, "a xente moitas veces sen sabelo, cando entrena co seu propio peso, mesmo facendo unha flexión, xa está facendo calistenia aínda que non o saiba".

Durante a segunda metade do século XVIII, o profesor e naturalista Christian Karl André usaba exercicios de calistenia para entrenar aos seus alumnos na escola ximnástica Salzmann Schnepfenthal en Alemaña. Pero a calistenia como tal ten a súa orixe real no século XIX, cando o ximnasta Peter Heinrich Clias comezou a difundir o deporte por Francia e Inglaterra baixo o nome de 'calistenia'. En 1827 publícase o primeiro libro sobre calistenia por Marian Mason, unha muller alumna de Clias. Con este libro a misión da escritora era difundir o deporte entre as mulleres de Gran Bretaña, amosando os beneficios para o corpo e a saúde que podían conseguir con esta práctica. Durante os primeiros anos do século XX, ao leste de Europa (Rusia, Ucraína, Checoslovaquia...) había unha grande aficción pola ximnasia artística. Dise que polas rúas había grandes instalacións de parques con barras onde os mozos practicaban calistenia.

"OS MOVEMENTOS BÁSICOS ESTÁN BASEADOS EN FUNCIÓNS DO SER HUMANO"

Calistenia
Calistenia | Fonte: Commons

Unha vez entendido que a calistenia é máis que a cultura urbana que se xerou ao redor dela, preguntamos ao entrenador polos seus movementos básicos. Sergio asegura que "os movementos básicos da calistenia están baseados en funcións básicas do ser humano". "Eu creo que son habilidades humana indispensables que fai 500 anos ao mellor todo o mundo podía facer porque a vida que se levaba de traballo permitía estar o suficientemente entrenado como para iso", mentres que "agora estase perdendo esa capacidade porque a xente está sumida nos teléfonos móbiles e na vida sedentaria, non sendo quen de colgarse na barra sen ter molestias". E apunta aos seguintes:

  • Dominadas: Colgarse da barra e tirar do corpo cara arriba de xeito que os brazos traccionen o corpo, ata que o mentón supera a barra da que estás colgado ou o peito toca nela. "É unha habilidade indispensable do ser humano, o poder aguantar o peso do seu propio corpo", valora o entrenador.
  • Flexións: Tumbarte no chan e, coa forza dos teus brazos, despegar o peito del. "Creo que é unha capacidade fundamental para o ser humano, porque se te caes, quen che vai levantar máis que a forza dos teus brazos? É unha función", considera Sergio.
  • Fondos nas paralelas ou na barra fixa: Nunhas barras paralelas separadas a medio metro unha da outra sosterse coas mans mantendo ombros e tríceps activados e, separando os ombros das orellas, dobralos para ir baixando e logo volver subir empurrando coa forza dos teus brazos. "Pódese resumir como trepar un muro, porque o movemento final é como empuxar os teus brazos cara arriba para pasar por enriba dun valado ou dun muro", explica o entrenador, que cre que "esta é outra habilidade intrínseca do ser humano que cada vez se está perdendo máis".
  • Bar muscle-up: Mestura unha dominada, o tirar dos brazos para superar a barra da que estás colgado co peito, e, dende aí, subir cara arriba. "É como un movemento en dúas partes, tirar e logo empurrar, o que viría a ser como saltar un muro ou un valado pero sen pasar as pernas por enriba, aínda que si estirando ben os codos", apunta Sergio.

O entrenador explica que "moitas veces deixamonos levar polas comodidades do mundo moderno e esquecémonos de onde vimos, deixando que se perdan moitas cousas por falta de coñecemento". "Nós non vimos de estar tirados no sofá nin co teléfono móbil encorvados todo o día, senón de ter que cazar para comer, ou de ter que transportar peso dun lado para o outro, case todo o tempo ao aire libre", reflexiona. 

"EN CADA PARROQUIA TERÍA QUE HABER UN PARQUE DE CALISTENIA, LOGO QUEIXÁMONOS DE QUE A MOCIDADE ESTÁ PERDIDA"

Para Sergio, Galicia ten xente de alto nivel no mundo da calistenia, e nomea a Adri de Redondela ou Elfo de Vilagarcía. Pero considera que o problema para que se sigan sumando mozos está na falta de parques especializados para practicar esta disciplina. "Eu creo que xa non en cada cidade, senón en cada parroquia, tería que haber un parque no que a xente adulta e os mozos puideran ir colgarse, facer as súas flexións e os seus exercicios, é básico", considera o entrenador, porque "logo queixámonos de que a mocidade está perdida, pero é normal se lles damos máis facilidades para que desenvolvan adiccións que para facer exercicio".

Dende o seu punto de vista, "non creo que sexa moi caro poñer unha barra nun parque para que poidan colgarse, unha corda pola que trepar, unhas anillas, unhas barras parelelas ou unhas barras a tres alturas para facer exercicios e flexións". Para el é algo necesario para que a xente poida manterse sá, e afirma que "non é algo que lle vaia quitar o traballo a ninguén, todo o contrario, os ximnasios e os entrenadores poden ver reforzada a súa profesión se a xente se comeza a interesar por este deporte".

Ao preguntarlle por parques de referencia en Galicia, enseguida lle vén á cabeza o de Panxón, que é "moi chulo e moi bonito". Tamén apunta ao de Santiago, que "está xenial porque ademais Santiago é unha cidade universitaria e ten moito movemento". Igualmente nomea o de Ourense, que "é xenial", e o de Lugo, "moi chulo". E tampouco se esquece do instalado en Ponteareas, "pequeniño pero moi apañado, con boas barras". Así mesmo, pon como exemplos os de Boiro e Vilagarcía. Pola contra, lamenta que en Vigo os que hai están desfeitos: "O de Castrelos non hai por onde collelo, o de Vialia durou menos dun ano e as barras xa se moven para todos lados e o de Pizarro está feito para xigantes e moi pouco accesible para persoas con mobilidade reducida", lamenta.

Fronte a este desastre, Sergio propón que "en lugar de facer tantos parques biosaudables para anciáns que non se usan e que están desfeitos, pódese facer un destes situado nunha zona que quede accesible para varias parroquias". E é que para este entrenador, que a calistenia siga crecendo e interesando aos mozos "é responsabilidade da xente que o practica e das administracións". Pois, por unha banda, "a calistenia é compartir, mozos escoitando aos maiores e maiores escoitando aos mozos, e sempre con humildade e competitividade sá". Pero, pola outra, "se non hai lugares nos que poder xerar esa cultura, onde saibas que vaias á hora do día que vaias vas atopar alguén entrenando con quen compartir, experimentar e medirte, os chavales van seguir preferindo estar encerrados na súa casa e facendo o que non deben en lugar de irse a entrenar", conclúe o deportista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta