Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/07/2024 | Actualizada ás 15:02
"Pois cunpre as ameazas feitas logo do seu retiro de cinco días. Eses pseudomedios dos que fala son o que critican a súa acción de goberno". Así se pronunciou o presidente galego ante a nova lei de medios que quere aprobar o Goberno español para limitar o financiamento daqueles medios con poucos lectores ou que difunden bulos.
Alfonso Rueda xa se opuxo a este control que quere impoñer o Goberno central porque, dixo, o que se quere é "actuar contra os medios que non son afíns" a determinadas liñas políticas. "Nós defendemos a liberdade de prensa", dixo ao tempo que fixo un chamado ao conxunto dos medios de comunicación para que denuncien esa nova lei.
"Xamais me escoitarán a min nin a un membro do goberno -- galego-- dicir que imos actuar contra os medios que contan cousas coas que podemos non estar de acordo", aseverou tamén. E é que Rueda incidiu en que "a liberdade de prensa e a democracia consiste niso". Con todo, emprazou a ver "en que se plasma". "Alégrome de non estar nesa actitude, supoño que os medios de comunicación en xeral deberían celebrar tamén que ese tipo de prácticas non se xeneralicen", sentenciou.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, comparecerá o próximo 17 de xullo ante o pleno do Congreso para presentar o plan de calidade democrática que anunciou tras o seu período de reflexión e que incluirá a limitación do financiamento público dos medios de comunicación. Este plan reformará tamén as leis orgánicas de Dereito á Honra e Dereito de Rectificación.
A iso sumou a reforma da lei de publicidade institucional, que sinalou que vai cumprir vinte anos e non incorpora por tanto o fenómeno da dixitalización da información e dos medios de comunicación. "É importante que, seguindo o ronsel de Europa, incorporemos transparencia no financiamento con recursos públicos destes medios dixitais ou pseudomedios dixitais e tabloides dixitais, porque o que non é aceptable é que con recursos públicos estea a financiarse a desinformación e os bulos", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.