Miguel Anxo Fernández Lores: "Igual que non renunciamos á Patria Galega tampouco renunciamos á ría de Pontevedra"

Alcalde de Pontevedra desde hai 25 anos e aínda quere botar outros oito ou dez máis. Miguel Anxo Fernández Lores está orgulloso do modelo de cidade que construíu nestes anos e tamén da política que fai o BNG, tanto nos concellos, como na Xunta. Por iso, insiste, quere continuar a pesar de ter perdido apoio electoral nas últimas eleccións.

Por Xurxo Salgado | Pontevedra | 09/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O rexedor nacionalista destaca a longa batalla por sacar a Ence da Ría. "Imos seguir loitando para que se traslade de aí. Gañamos algunhas sentenzas, perdemos outras pero vamos a seguir", apunta. Tamén presume da súa cidade, "a que máis servizos ten no rural de toda Galicia".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: EP

Miguel Anxo Fernández Lores tamén se refire ás dificultades de gobernar en minoría tras fracasar un novo acordo co PSdeG. Por iso, advirte, "hai que construír, non destruír. E aquí fixeron oposición destrutiva e, aínda así, aprobáronse tres modificacións de crédito". Tamén segue apostando polas políticas do BNG. "Ese é o traballo que temos por diante, convencelos de que é mellor que gobernemos nós a nosa terra e non que nola gobernen desde fóra".

25 anos xa de alcalde, e que tal van?

Pois moi ben.

Tiñas fillos na adolescencia e agora xa tes netos, non?

Miguel Anxo Fernández Lores
Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Ángeles Pereira

Si. Xa teño catro netas.

Entraches con 45 anos. Eras como din agora un "chaval"...

Entrei xa con 33 no concello e antes xa estivera en Samos de concelleiro.

Moitos anos xa. E que conseguiches durante todo este tempo?

Pois pasaron moi rápido. Pero estou moi orgulloso do feito e con moitos proxectos para facer cousas porque isto nunca se acaba. Obviamente hai un antes e despois e unha transformación que é moi perceptible na cidade. Estou orgulloso de sacar adiante un proxecto que foi asumido maioritariamente pola sociedade e no que quedan moitas por facer.

E cal é o proxecto do que estás máis orgulloso en todos estes anos?

Do que máis orgulloso estou é da asunción por parte dos cidadáns dun cambio na calidade de vida da cidade. E isto ten que ver moito con centrar todas as transformacións poñendo ás persoas e, sobre todo, aos máis vulnerables, no centro. Agora a xente invadiu o espazo público e, sobre todo, por cuestións de accesibilidade, mobilidade, para persoas maiores e nenos. A min encántame ver as rúas cheas de nenos xogando polas prazas. Hai algún detalle. A primeira vez que fixemos a recuperación dun espazo importante, como a recuperación da Glorieta de Compostela ou a Peregrina, a xente saíu a rúa. 

Que os espazos foran da xente...

Efectivamente. Calmar o tráfico, facer espazos para a xente, fomentar a mobilidade, a acesibilidade, reducir ruídos, reducir veículos, contaminación, plantar árboles. En fin, facer unha cidade máis vivible, máis habitable e máis humana.

Eu lembro ben aquela etapa e os problemas que tiveches para facer ese modelo de cidade. E como houbo grandes protestas, principalmente, do sector do comercio, temendo que se lle acabara o negocio...

Iso é ter un medo irracional aos cambios. Hai unha parte importante do traballo que se fixo debaixo da cidade, que aínda non o rematamos. Queda un 30% de espazo que non tocamos. Pero o importante é que se fai un espazo que, cando saes da casa, é seguro, agradable que é a continuidade da túa propia casa. E tamén pola seguridade. E aquí é onde se produce a cohesión social e, por iso, esta cidade é máis agradable e máis social. O concepto para min clave é que hai cidades que te acollen e outras que te expulsan e, Pontevedra, obviamente, é das que te acollen. 

E isto require de decisións políticas...

Políticas e técnicas tamén.

Daquela o principal opositor era o Partido Popular. E, curiosamente, nunha entrevista recente co alcalde de Ferrol comentabame que un dos seus principais proxectos é peonalizar e humanizar o centro da cidade

Claro. E son decisións que provocan cambios. Aquí hai moitas apostas. Hai a aposta por recuperar o espazo público e se use a cidade como espazo de convivencia e iso fai tamén que floreza o comercio de proximidade. Iso está ben pero non só está limitado o centro histórico, senón en toda a cidade. Evitamos a centrificación e temos barrios tamén moi activos, con moita vida. En todos eles abrimos centros sociais, instalacións deportivas. E o mesmo pasa nas parroquias. É un traballo de chineses pero vai nesa liña de facer unha cidade máis habitable.

 

"Aquí hai dúas cousas claves nestes 25 anos que é ter confianza nas posibilidades que Pontevedra tiña de desenvolver máis calidade de vida e que seamos nacionalistas"

Con todo un dos puntos que quizais poden frouxear máis son os espazos verdes; o abandono da Xunqueira de Alba ou do río Gafos, por exemplo...

En todas as rúas que actuamos, e collían, plantamos milleiros de árbores. E mesmo fixemos un parque forestal de 400 hectáreas, na que plantamos desde oliveiras a especies autóctonas. A illa da Xunqueira é un parque urbano no que se celebra o Surfing Lerez e se fan probas deportivas e o río está saneado. No río Gafos hai que seguir traballando pero estamos aí. Aquí hai dúas cousas claves nestes 25 anos que é ter confianza nas posibilidades que Pontevedra tiña de desenvolver máis calidade de vida e iso ten que ver con que seamos nacionalistas e teñamos confianza nas posibilidades e tamén ten que ver coa sustentabilidade. Nós queremos deixar unha cidade e un planeta mellor que o que recibimos e todo vai na recuperación medioambiental e na ría. 

Efectivamente, a ría, esa ría da que non sae Ence. Vas ver ti no teu mandato a saída da celulosa fóra da ría?

Non o sei. Pero igual que non renunciamos á Patria Galega tampouco renunciamos á ría de Pontevedra para que se recuperen todos os valores medioambientais, económicos, de marisqueo, de praias, de lecer e calidade de vida. Nós isto témolo claro. Imos seguir loitando para que se traslade de aí. Gañamos algunhas sentenzas, perdemos outras, pero vamos a seguir e non porque esteamos en contra das empresas, senón porque queremos poñer en valor as rías porque a ría é única e empresas se poden poñer noutros sitios.

Outras das críticas que che fai a oposición é a falla de servizos no rural...

Pero iso é unha mentira, directamente. Eu cando entrei neste concello non había saneamento en ningunha parroquia, non había unha rede viaria decente, non había centros sociais, espacios deportivos. Non había case nada. E neste tempo fixéronse locais sociais en case todas as parroquias e nalgunhas, tres. Tamén fixemos polideportivos, campos de herba sintética. Eu vivo no rural. E que falta? Poden dicirme que se desbroza unha vez ao ano. Pero é que iso é limitado, non imos a estar desbrozando todos os meses porque neste país chove e crecen as herbas. Pero a cuestión é, faltan servizos?. Pois non. E poden dicirme que falta auga en determinados puntos. Pero é que igual non a tiveron nunca. E nós o que estamos facendo é poñendo servizos onde antes non había. Seguro que somos a cidade que mellores servizos ten no rural ou acaso no rural de Santiago hai abastecemento, o no de Lugo, tampouco. Excepto na da Coruña que é moi urbana, Pontevedra é a cidade con máis servizos no rural de toda Galicia. O PP pode dicir o que queira, pero eu teño un núcelo rural con abastecemento, iluminación con leds, saneamento e servizos de todo tipo. Pode dicir que non en todo o rural hai beirarrúas, pero é que nunca as tivo e non imos poñelas en todos os sitios. O mesmo que temos na cidade tamén o temos no rural e hai quen quere vender outra cousa. E iso non quero dicir que estamos satisfeitos porque non está todo feito pero estamos chegando ao 100% de saneamento, espazo público ou saneamento. 

Supoño que a oposición o que quere facer é, precisamente, iso, oposición 

Si, bueno, pero terán que facer estudos comparativos. Non vale dicir que aquí non se crean empregos, por exemplo. Porque logo, cando ti colles estudos serios, pois ves que a capacidade de xeración de emprego, só Santiago está por riba de Pontevedra. E na nosa provincia, O Porriño, porque ten un gran polígono industrial. Pero nós temos 61 postos de traballo por cada 100 habitantes. Vigo ten 49 por cada 100 habitantes. E comparado con Sanxenxo, Redondela ou Marín estamos a anos luz. Son datos irrefutables do ben que vai esta cidade.

"No último mandato houbo cousas que non lles gustaron e eu dixen que tomaba nota e que tiña que mellorar a xestión no sentido de priorizar máis, axilizar máis certas cousas"

E se todo vai ben, entón a que atribúes que baixaras dous concelleiros nas últimas eleccións municipais.

Iso non ten nada que ver. Eu o día despois das eleccións dixen que cría que os cidadáns queren que siga gobernando porque a única maneira é que o PP saque a maioría absoluta. Pero se non a saca, a xente quere que siga gobernando eu.

E entón a que responde esa baixada?

Pois responde a que nese último mandato houbo cousas que non lles gustaron e eu dixen que tomaba nota e que tiña que mellorar a xestión no sentido de priorizar máis, axilizar máis certas cousas. Por iso, púxenme ao fronte do concello e estou centralizando máis. Ás veces hai moitos proxectos pero non poden saír todos a un mesmo tempo. Hai que priorizalos. E, quizais abarcamos demasiado.

Pero, Miguel Anxo, en todo caso ti agora estás gobernando en minoría, sen o PSOE, e está sendo máis dífícil. Mesmo tiveches unha moción de confianza

E conseguimos saír adiante. Nós aprobamos uns orzamentos e a lexislación permite isto e xa pasa noutros concellos. Se ti non es quen de convocar unhas eleccións ou aprobar uns orzamentos pois hai que darlle oportunidade á oposición que presente unha moción de censura. Eu dinlle esa oportunidade e puxen o meu cargo a súa disposición. Se se poñen de acordo para gobernar que poñan un alcalde e, se non, que deixen gobernar. Iso é a lexislación que di que non se pode estar sen orzamentos. De feito, nós no 2013 tivemos xa un amago dese tipo pero non saíu adiante porque alguén se abstivo e non houbo que chegar a moción de confianza. Nesta vez si fixo falta pero o que pasou foi perder o tempo e atrasar proxectos que era importante para a cidade e isto vaille ter custes á oposición porque a xente non entende isto porque eu chameinos á responsibilidade. Hai que construír, non destruír. E aquí fixeron oposición destrutiva e, aínda así, aprobáronse tres modificacións de crédito. E agora entre estas modificacións e orzamento aprobado, temos o orzamento máis alto da historia de Pontevedra, 126 millóns, que antes nunca se superaban os 100 millóns. 

Entón que pasou co PSOE para chegar a un acordo porque semella que na anterior lexislatura había un acordo que funcionaba, non?

Non funcionaba ben. Pero cando digo isto é que non funcionaba o goberno no seu conxunto. Non quero botarlle as culpas ao PSOE. Había falta de priorización de xeito que fluiran mellor os proxectos para adiante. Cando se atasca toda a maquiaria pois se atrapallan todos os proxectos. Iso é como cando lle das moito arroz ao pito, pois non vai. E ese goberno era responsabilidade miña. E nesta lexislatura, entrara ou non o PSOE no goberno, cambiei algunhas cousas que non estaban funcionando ben e por iso dixen que tomaba nota do resultado electoral. Cambiei cousas e se lle deu máis pulo ao goberno. E a partir de aí imos a funcionar.

Pero non cres que agora é máis difícil?.

A miña responsabilidade é gobernar. Ourense é un caos, por exemplo. E se non se busca unha alternativa pois seguirá todo igual.

Pero iso non quere dicir que non siga sendo un caos...

Pero non é o caso de Pontevedra.

Non digo Pontevedra. Falo de Ourense

Tamén hai outros concellos que teñen maioría absoluta e aínda non aprobaron os orzamentos. 

"Aquí cada forza política ten as súas aspiracións que poden coincidir ou non. Neste caso non coinciden"

Por certo, que tal te levas cos líderes da oposición?

A nivel persoal non teño ningún problema. Quizais políticos, pero non persoais. Tento levarme ben con todos. Outra cousa é que discrepemos en certas cuestións. A política non é unha cuestión persoal.

Claro. Comentocho porque vendo o que pasa en Madrid no que en vez de política o que hai é unha guerra aberta entre partidos. Supoño que aquí é diferente

Aquí cada forza política ten as súas aspiracións que poden coincidir ou non. Neste caso non coinciden. O PSOE decidiu non entrar no goberno desde o comezo e a responsabilidade é deles. A miña responsabilidade é tentar chegar acordos e o noso socio preferente é o PSOE e segue sendo, pero eu teño que chegar a acordos con todos e penso que o estamos facendo con éxito. Temos aprobado un orzamento e que os proxectos sexan valorados por tados. O que non imos tocar é o noso modelo de cidade. Iso é intocable e do resto podemos falar do que sexa. E nós seguimos facendo unha chea de cousas e así está esta cidade, chea de xente, atractiva e medrando económicamente. Se a xente quere denigrar a cidade é cousa deles.

Efectivamente, pero eu volvo ao de antes, se a cidade vai adiante, por que o goberno sufriu un retroceso nas últimas municipais?

Porque esta é unha cidade que ten unhas características especiais. E nós démoslle unha volta a esta cidade. E iso non quere dicir que aquí todos sexan do BNG. Nós gobernamos porque temos unha xestión municipal honrada, con capacidade de avanzar e avanzar. E hai moita xente que, independentemente da súa ideoloxía, nos segue apoiando nunhas eleccións municipais, senón non seguiríamos. Noutras eleccións non gañamos. Somos a segunda forza nunhas eleccións autonómicas e a terceira xa nunhas xerais. É moi complicado.

E se volves perder apoio nas seguintes, cres que é o momento de abandonar?. Aínda que creo que iso non se che pasa pola cabeza, non?

(Ri) Poste moi dramático.

Non, home. Ti entende que cho teña que preguntar

Ti pregunta. Pero nós imos partido a partido. Se hai algo que hai que corrixir se corrixe e logo os cidadáns decidirán, pero eu presenteime nestas eleccións conscientemente de que levaba xa 24 anos gobernando e iso pode ser un pequeno problema porque pode pensar en cambiar. Pero, cambiar, para que?. Cal é a alternativa?. Todo o que estivemos facendo ata agora, foi malo para esta cidade?. Pero eu xa dixen antes da campaña que me presentaba para un proxecto de oito ou dez anos. Levamos un ano só e deixemos pasar.

Entendo que a túa intención é continuar

Eu dixen que me presentaba para oito ou dez anos. Desde esa só pasou un ano. Eu soio cumprir cos meus compromisos.

Sabes quen dixo algo semellante ao que me estas dicindo?

Quen?

Abel Caballero

Para min, Abel Caballero non é ningún exemplo. El que diga o que queira e eu digo o que queira eu.

"Eu non me plantexei deixar nada.  Eu considero que a política municipal é longa e que as cidades se constrúen con tempo"

Pero ti tes alguén no teu grupo que poida ser o teu relevo?

Non estamos plantexando esa cuestión.

E non cres que iso é un problema en calquera partido político. Non ter relevos xeracionais?

Ningún. En primeiro lugar porque eu non me plantexei deixar nada.  Eu considero que a política municipal é longa e que as cidades se constrúen con tempo. E hai proxectos que eu tiña pensado que aínda non saíron e non por culpa miña, senón por outras administracións. Algunhas das cousas que eu comprometín hai una alto grao de execución, pero do que depende de fóra pois igual fun un pouco inxenio. Hai cousas aquí doutras administracións que se eternizan; desde o dragado da ría ata a circunvalación da cidade e levamos 20 anos agardando. E tamén pasa o mesmo coa situación sanitaria. A Xunta perdeu nove anos para facer o gran hospital en Montecelo. E desde que se decidiron a facelo pois xa levamos 15 millóns gastados e se está executando.

E agora que falas da Xunta, que tal a relación con Rueda que, por certo, é de aquí?

Eu tiven unha xuntanza con el e comprometeuse a unha serie de cousas, aínda que é cedo para valorar. Tivemos unha pequena alegría nos últimos tempos que foi a variante de Alba, imprescindible para conectar as estradas de Vilagarcía e Santiago e tamén as parroquias do norte do concello. Aceptaron a vía que propuxemos nós. Iso é algo positivo e logo hai outros compromisos que a ver se se cumplen. Tamén comezaron a facer vivendas sociais que non fixeran ningunha desde o bipartito. A miña obriga é esixir das administracións que exerzan as súas competencias e aí estamos.

Falando do teu partido, que tal Ana Pontón?

A min Ana Pontón pareceme unha excelente portavoz nacional, aberta, dialogante, con gran visión política. Ademais transmite moi ben e é a alternativa ao Partido Popular. Subimos moito nestas eleccións. Somos claramente a segunda forza política. Non puido ser pero todo se andará. 

E ti ves ao BNG cunha presidenta ou presidente na Xunta?

Por suposto. Nós somos nacionalistas. Temos confianza neste país. Vivimos nun país rico. Temos auga, enerxía eléctrica, sector primario e produtos primarios impresionantes e temos, sobre todo, xente traballadora, innavodra. Cando gobernamos concellos como Allariz, Pontevedra, Carballo ou Tomiño somos quen de poñelo no mapa e de facer unha xestión de vangarda. Por iso na Xunta tamén fariamos unha boa xestión porque cremos neste país. Eu non podo valorar positivamente o traballo na Xunta porque só están mirando para Madrid e non teñen iniciativa propia. Fáltalles confianza no país, tanto ao PP como ao PSOE. Confiamos nas potencialidades do noso país e logo a xente xa se dará conta de que hai unha forma de facer as cousas de forma diferente. Se ti non cres no país, non respectas a súa cultura, a súa lingua, estás todo o día mirando para fóra porque pensas que é mellor, iso non serve para nada. 

"E creo que nós podemos gobernar mellor este país sen esmolas de ninguén. Pero o problema e que aquí estase centralizando todo"

En todo caso, e volvendo ao que me comentabas ti antes do teito sociolóxico do BNG, ti cres que hai posibilidade de que medre máis tras estes 25 deputados?

O teito está agora no 34%. Pero, por exemplo, se nós gobernamos en Allariz, Arzúa, Pontevedra ou Soutomaior e temos máis do 50% dos votos iso é que a xente é susceptible de votar polo Bloque. Outra cousa é que hai que ofrecerlle aos cidadáns unha alternativa viable, crible e executable. Ese é o traballo que temos por diante, convencelos de que é mellor que gobernemos nós a nosa terra e non que nola gobernen desde fóra. Ninguén quere que veña o veciño a gobernar na súa casa. E creo que nós podemos gobernar mellor este país sen esmolas de ninguén. Pero o problema e que aquí estase centralizando todo. Cantas empresas galegas producen aquí e cotizan en Madrid?. Iso é unha vergoña.

Pois por iso che digo. Eu vou á socioloxía do galego

Si, a sociloloxía do galego, pero nós ofertamos alternativa na que nós primeiro temos que ter confianza nas nosas forzas, ter capacidade de decisión en cuestións económicas e tributarias e doutro tipo. E os gobernos onde estamos demostramos que somos quen de gobernar e facelo mellor que o PP. Iso hai unha porcentaxe de xente que non o entende, pero xa o entenderá.

Miguel Anxo, pero vós gobernachedes na Xunta xa con Anxo Quintana. Que pasou para que a xente no vos aumentara o apoio entón?

Pasou que a xente escoitou cousas e se fixo unha oposición moi marrulleira.

E tamén algún medio de comunicación?

Efectivamente.

Por certo, e xa para rematar. O outro día un lector botábame en cara que tuteara aos entrevistados ou vos chamara polo voso nome. Que iso era ser complacente con vós. Non sei se a ti te molesta que che tutee?

En absoluta. Unha cousa é que eu sexa alcalde e que se me teña en consideración porque represento a todos os pontevedreses e a figura do alcalde hai que respectala. Pero eu a nivel persoal eu nunca andiven con esas cousas. Eu sempre tuteei a todo o mundo e todo o mundo me tuteou. 

Pois alcalde, un pracer

O mesmo che digo.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante unha entrevista
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante unha entrevista | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta