(O Orgullo Galego) Carlos Callón: "Na corte de Alfonso O Sabio usouse a homofobia como arma contra a nobreza galega"

O seu afán por coñecer vén da propia experiencia e acaba de presentar o documental "Maridos e sodomitas", centrado nas relacións homosexuais na Idade Media en Galicia.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 07/07/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Sabías que hai matrimonios entre homes na Idade Media documentados? Habelos, hainos, pero o que faltaba era recompilalos e iso fixo Carlos Callón, investigador e profesor: "Foi unha paixón, levo 25 anos dos 45 que teño, investigando. Isto vén inicialmente por un interese adolescente cando me decatei de que era maricón con todo o que significaba nos tempos que eran". Esta vocación acaba de levalo a ser coguionista e promotor do documental "Maridos e sodomitas". Amosa diferentes casamentos de homes no reino da Galicia medieval, foi promovido pola Deputación de A Coruña, realizado por Nós Televisión e está dispoñible en Movistar Plus. 

Carlos Callón
Carlos Callón | Fonte: IG persoal

Carlos presenta un percorrido polos distintos casos documentados e seleccionados, así como das fontes expertas que saen no documental. Comeza expoñendo o caso dunha unión documentada en Taragoña, a fináis da antigüidade, entre Urso e Rufino. Atopouse en Taragoña unha lápida, que se pode ver no Centro Arqueolóxico de Neixón, en Boiro, na que Urso realizou unha dedicatoria a Rufino. "Mandou esculpir o sartego para o seu amado, o que nos permite coñecer os afectos entre eles posteriores ao século II. No documental exoplica o contexto o arqueólogo Xurxo Ayán, que foi quen a descubriu", comenta. 

"Posteriormente resumimos algúns casos da próxima Idade Media. Presentamos con ilusión, humildade e orgullo porque consideramos que é algo novidoso aquí e fóra, xa que en Europa non hai documentarios deste tipo", sinala. Tomade nota porque en xaneiro de 2025 ten previsto sacar un libro titulado "Vidas e historias LGBT da Idade Media", no que non só se falará de homes senón que se dará outra visión dos afectos masculinos.  

OUTROS NOMES PROPIOS DESTA VIAXE

"Seguimos a viaxe co caso de Pedro Díaz e Munio Vandilaz, caso do casamento máis antigo que documentamos na península ibérica no 1061, en Rairiz de Veiga", fai fincapé en que é o que hai documentado e cita ao catedrático de Historia Medieval da USC, Xosé Miguel Andrade. Un documento recolle que "din que van unirse por todos os días e por todas as noites para sempre" e Carlos destaca que sorprende o que nega a homofobia cando aparece de forma tan clara nos textos. Continúa con Francisco Rodríguez, investigador que amosa o contexto do uso da homofobia nas loitas políticas no século XIII. De igual forma, expón que "na corte de Alfonso O Sabio se vai empregar a homofobia como arma de remeso contra a nobreza galega". En concreto, contra o líder da familia Castro, Esteban Fernández de Castro: "Hai todo un ciclo de cantigas dedicadas a criticar a este grande nobre galego acusándoo de querer un casamento de homes". 

Remata o periplo "resumido" coa  este periplo resumido con Marta Cendón, profesora de Historia de Arte na USC, que explica un relevo que hai nun sartego dun arcebispo de Tui onde aparecen dous rostros masculinos a piques de darse un bico, rozando os nariz, "referencia do pecado, que se coñecía como a sodomía".

Visualmente, Carlos describe: "Hai todo documentos de relevo; hai biblias moralizadas, son biblias ilustradas a modo de banda deseñada; ou a lápida". Recoñece que co que máis traballa son documentos, crónicas históricas, as cantigas como "tesouro" e pola información que nos achegan sobre "diversidade afectiva e sexual". Menciona que Projecto Mourente foi quen musicou unha cantiga de amiga do século XIII, de autoría de Nuno Porco, onde fala dun home, dun amigo, que vai buscar ao se namorado. "Moitos editores o que fixeron ao atoparse con esas cantigas e semellantes, foi modificalas na pasaxe á imprenta porque non podía ser que un home fose en busca doutro home", explica. 

No libro "Vidas e historias LGBT da Idade Media" aborda varios casos de cantigas adulteradas porque os editores consideraban que non podía ser. Así, destaca que se centra na lírica e literatura galega, pero que acontece noutras e sinala este caso famoso: "O grande artista do Renacemento, Michelangelo, que tamén foi poeta e durante uns séculos pensouse que dirixía os seus poemas de amor a unha muller ata que alguén se decatou de que os manuscritos non era o que puñan. Estivéronse modificando, eran explicitamente dun home a outro home". Por isto non sorprende que se atopen casos así na lingua galego-portuguesa medieval, pero reivindica que hai que restauralos e divulgalos. 

"VAS TIRANDO DO FÍO E ATOPANDO COUSAS QUE NON ESPERABAS"

O afán de Carlos por investigar, ler e buscar sobre este tema vén da súa adolescencia e de decatarse do que sentía. "Os tempos que eran mudaron, pero aínda hai cousas que non conseguiron mudar", reivindica. Incide en que xa hai referentes públicos a día de hoxe, cousa que hai 25 anos non existía ou se existían "era como elemento negativizador vinculado á doenza". Nese intre tamén espertou o seu amor pola cultura galega e quixo atopar o que se falaba do asunto na literatura medieval. "Pensei que eran só con sátiras e cando fun investigando atopei matices de relevo e información de interese. Vas tirando do fío, abrindo armarios dos arquivos e atopando cousas que non esperabas", comenta. 

Conta así algo que lle aconteceu moitas veces: "Un investigador que dicía que se atopara cun documento que fala de dous homes ou de dúas mulleres e que ese documento é único. Mirabas nos libros doutra persoa e atopabas con outro documento que tamén era único. Acabas tendo un panorama moi diferente da historia e, ao xuntalos, acabas decatándote de que cousas que cos ollares de hoxe dicimos que son dun xeito, se les ben os textos, non están dicindo iso. Cantigas que se nos poden colocar como unha sátira contra a homosexualidade, na cantiga diche que é un home que presume de penetrar a outros homes, cal é a sátira contra a homosexualidade? É unha sátira se queres contra a pasividade". Así, un dos capítulos do libro que saírá nuns meses, un dos títulos é "Por que o chaman homofobia cando queren dicir pasibofobia? "Que non é o mesmo". 

"VER A MIÑA VILA DECORADA CON BANDEIRAS DO ORGULLO É UNHA INMENSA SATISFACCIÓN"

Como vive este Orgullo? "Sempre é a posibilidade de ter unha vida máis vivible para todos e todas, iso é o máis importante. Teño 45 anos, mais lembrome cando hai 25 anos non estabamos case ningúen". Na actualidade recoñece que ver que nas rúas se foi consolidando esta celebración, os discursos e referentes, "é moi lindo". Vive en Lisboa, pero esta semana estivo en Ribeira e atopar a súa vila decorada con bandeiras do Orgullo foi unha "inmensa satisfacción". 

Conta unha anécdota que lle alegrou especialmente: "O outro día unha muller preguntáballe a outra nas rúas de Ribeira: 'e logo tantas bandeiras?' E respondeulle a outra: 'son as festas do Orgullo e xa vén aí a dorna' con toda naturalidade". Porén fai fincapé: "Non podemos ser inocentes, hai moitos discrusos do odio que están aó e a historia non é un adianto continuo e, moitas das conquistas que temos logradas nestes anos, se non atendemos, poden arrebatárnolas", 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta