Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/07/2024 | Actualizada ás 20:06
Dúas persoas resultaron feridas este mércores en dous accidentes ocorridos en Ourense. En ambos as vítimas quedaron atrapadas e tiveron que intervir os equipos de rescate. O sinistro máis recente produciuse en Vilamartín, cando estaban a piques de dar as 17:00 horas, e unha furgoneta e un camión chocaron na N-525, ao paso por Tamallancos.
A consecuencia do impacto, a persoa que manexaba a furgoneta quedou atrapada no interior. De feito, os alertadores indicaron que o vehículo quedou completamente danado e que o ocupante podía estar grave. Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 decidiron enviar unha dotación a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense. Con todo, tras ser liberado polos Bombeiros do Carballiño, o condutor da furgoneta puido trasladarse ao hospital en ambulancia. Tamén colaboraron os axentes da Garda Civil de Tráfico e os voluntarios de Protección Civil da localidade.
FURGONETA ENVORCADA EN VEREA
O outro aviso foi recibido polo 112 pasadas as 14:00 horas. O sinistro rexistrouse na OU-540, punto quilométrico 29, en Verea, onde envorcou unha furgoneta. Posto que o vehículo implicado estaba completamente envorcado, a condutora quedou atrapada no interior, polo que foi necesaria a intervención dos equipos de rescate.
Neste caso, foron os membros do GES de Celanova os que sacaron a condutora do vehículo para, posteriormente, ser atendida e trasladada por un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU). Ademais, neste operativo participaron os axentes da Garda Civil de Tráfico co fin de recoller toda a información sobre o sinistro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.