Cobre San Rafael celebra un acto en Santiago onde declara que o impacto da mina de Touro será de 2.500 millóns

O conselleiro delegado de Atalaia Mining, Alberto Lavandeira, foi o encargado de dar a coñecer este proxecto que busca ser "tractor da industria galega"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2024 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

Cobre San Rafael prevé un impacto "superior aos 2.500 millóns de euros" co seu novo proxecto da mina entre os municipios de Touro e O Pino (A Coruña), no que a empresa investirá 200 millóns, coa creación de 400 empregos.

Nun acto en Santiago cuns 150 asistentes, a empresa presentou en sociedade este proxecto que define como unha produción "sustentable de cobre 100% galego". Á cita acudiron, entre outros, representantes empresariais, da Administración galega e dos concellos Touro e O Pino, así como de diferentes colexios profesionais.

Este proxecto en fase de tramitación foi declarado como industrial estratéxico polo Goberno galego e está pendente da súa tramitación ambiental. Todo iso despois de que a anterior iniciativa para esta mina fose tombada pola Xunta, en 2020, polos seus riscos ambientais.

O conselleiro delegado de Atalaia Mining, Alberto Lavandeira, foi o encargado de dar a coñecer este proxecto que busca ser "tractor da industria galega". "Desde a compañía, temos a responsabilidade de polo en valor, xa que, ademais, trátase de cobre: un metal estratéxico para a Unión Europea dado o seu papel fundamental para garantir unha transición enerxética xusta e respectuosa", asevera.

Lavandeira garante que se reforza o "compromiso ambiental", con melloras na xestión da auga de proceso e con circuíto pechado. Ademais, aposta por xestionar as áreas da planta de tratamento de mineral dunha forma máis segura ao contar cun almacenamento do que se retira a auga, enviándoa a un depósito impermeabilizado.

Cobre San Rafael subliña que se inclúen cambios respecto ao proxecto que non obtivo unha declaración ambiental favorable. Apunta un investimento nos últimos anos de 3,4 millóns para canalizar e recuperar as augas da zona, así como a posta en marcha do programa Terras para a mellora do medio ambiente e aspectos sociais da zona.


Presentación de Cobre San Rafael do seu proxecto da mina de Touro. COBRE SAN RAFAEL
Presentación de Cobre San Rafael do seu proxecto da mina de Touro. COBRE SAN RAFAEL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta