Morre Sito Sedes, histórico cantante dos Satélites e unha das voces da verbena galega

Faleceu na xornada deste mércores, día 24 de xullo, segundo informou o músico e presentador, co que compartiu escenarios, Paco Lodeiro a través do seu perfil da rede social 'X'

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2024 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O que fose histórico cantante dos Satélites e unha das voces máis recoñecidas da verbena galega Sito Sedes (Narón, 1946), faleceu na xornada deste mércores, día 24 de xullo, segundo informou o músico e presentador, co que compartiu escenarios, Paco Lodeiro a través do seu perfil da rede social 'X'.

"Na @crtvg tiven o triste papel de falar do falecemento do meu ídolo", sinala a mensaxe publicada en galego por Lodeiro, que cita as súas cancións para sinalar que "en 'A miña Terra Galega' moito 'papá e mamá' namoráronse coa súa fermosa voz e mandáronse algún 'Papelito Branco'. Partiu 'O tolo soñador', queda a súa voz pero quedamos 'Sen o seu amor'", trasladou.

Tras coñecerse a noticia foron múltiples as personalidades que lanzaron as súas mensaxes de pésame, como o caso da alcaldesa da Coruña, Inés Rey. "Dicimos adeus a Sito Sedes, alma da festa. Un dos grandes da música coruñesa e da verbena popular que tanto caracteriza á nosa cidade", apuntou a rexedora noutra mensaxe en 'X', a través do que manda o seu pesar á familia e amizades do falecido.

Ademais, artistas como a actriz Isabel Branco trasladaron o seu pesar. "Non teño palabras!. Abrazos inmensos aos seus fillos e demais familia, e amigos que sentides, como eu, esta grandísima perda. Vivirás, Sito, en todas e todos nós! Ti música seranos eterna", apunta.

Sito Sedes
Sito Sedes

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta