Máis de mil persoas preséntanse a 116 prazas nos corpos de policía local de 32 concellos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a resolución de admitidos a un proceso que comezará, no caso da oposición libre, na segunda quincena de setembro co primeiro do cinco exercicios

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2024 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

Máis dun milleiro de persoas presentaranse ao proceso selectivo para optar as 116 prazas --84 por oposición libre e 32 por provisión de mobilidade-- convocadas para entrar nos corpos de Policía Local de 32 concellos galegos.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a resolución de admitidos a un proceso que comezará, no caso da oposición libre, na segunda quincena de setembro co primeiro do cinco exercicios, que consiste nun test de coñecemento.

As persoas que superen o proceso --que consta doutras probas de caracter físico, psicolóxico e médico-- comezarán un curso selectivo organizado na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), na que será a 17ª promoción de Policía Local.

Na provincia da Coruña, os concellos que publican prazas nesta convocatoria por algunha das dúas modalidades son A Coruña, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cedeira, Malpica, Melide, Narón, Pontedeume, Ribeira, Sada, Santiago de Compostela, Teo.

Tamén participan no proceso os pontevedreses da Guarda, Baiona, Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Completan a relación os concellos lucenses de Chantada, Lugo e Ribadeo e o ourensán do Barco de Valdeorras.

Nun comunicado, a Xunta avanza que nas próximas semanas serán publicadas as convocatorias de 22 prazas --15 por promoción interna e sete por provisión de mobilidade-- para categoría de oficial dos corpos de Policía Local nos concellos coruñeses de Boiro, Carballo e Santiago de Compostela, nos ponvedreses da Guarda, A Illa de Arousa e Vigo e no concello de Lugo.

Ademais, tamén será convocado outro proceso para a cobertura de once vacantes --oito por promoción interna e tres por provisión de mobilidade-- de inspector en cinco municipios da comunidade: Boiro, Santiago de Compostela, O Barco de Valdeorras, Redondela e Vigo.

Policía Local en Vilagarcía
Policía Local en Vilagarcía | Fonte: Páxinas Galegas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta