Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2024 | Actualizada ás 14:02
O secretario de Transición Enerxética e Planificación Industrial do PSdeG, Ángel Mato, instou á Xunta a "porse a traballar na procura de solucións" ante a paralización xudicial de medio centenar de parques eólicos "cuxa autorización lle corresponde á administración autonómica".
"O que lle corresponde á Xunta a partir de agora é garantir a seguridade xurídica dos investidores, desenvolvendo unha planificación correcta", sinala nun comunicado no que mostra "preocupación" ante a solicitude dunha reunión urxente por parte da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, "para coñecer as medidas que vai adoptar o Goberno central"
Tras denunciar "falta de xestión da Xunta en canto á planificación de renovables", cuestiona se a solicitude desta cita á ministra puidese supor que o Executivo galego "en lugar de porse a traballar na procura de solucións" opte por "baixar os brazos" e centre os seus esforzos "en descargar responsabilidades noutras administracións".
E aínda que coincide coa conselleira en que as suspensións dos desenvolvementos aprobados pola Xunta "supoñen un freo á descarbonización", incide en que confía en que a solicitude de Vázquez obedeza a unha "sincera intención" de pedir axuda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) e non constitúa "un simple intento de botar balóns fose e tapar as propias vergoñas".
Mato lembrou que, fronte ás paralizacións cautelares dos parques eólicos que lle corresponde aprobar á Xunta, decididas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nos casos de actuacións que debe autorizar o Estado, como o denominado Badulaque, a Xustiza --nese caso concreto, o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid-- desestimou solicitudes de suspensión cautelar e continuaron a súa tramitación. "Son os que están a ter luz verde", subliñou.
Tamén sinalou que o parón que sufriu o sector coa chegada de Alberto Núñez Feijóo ao Goberno autonómico, hai 15 anos, iniciou unha xestión que cualificou de "desastrosa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.