Por Amanda Fernández | Lugo | 06/09/2024 | Actualizada ás 14:00
Se es usuario habitual da rede social Tik Tok e soes entrar a ler os comentarios dese contido que che sae en 'Para ti' hai moitas posibilidades de que te atoparas cunha expresión moi repetida. "Es bautista?", este é un comentario xa moi habitual entre persoas desta rede e normalmente ten unha connotación de burla ou ataque cara a outra persoa que sae neses vídeos. Non é casualidade que soe a "autista", pero empregan este novo termo "bautista" para non ser evidentes e por se a propia aplicación entende que o comentario vai en contra das normas da comunidade. Desta maneira, este termo que se fixo popular en Tik Tok fai referencia ás persoas con autismo ou Trastorno do Espectro Autista (TEA) e se emprega a modo de insulto. Por suposto, hai moitas respostas en contra de empregar esta expresión e tamén moitas persoas concienciadas co trastorno, ou con achegados que o viven, que amosan a súa pena ante isto.
Con todo, a cuestión alcanzou maior trascendencia cando tamén a famosa influencer e tiktoker, Lola Lolita decidiu empregar este desafortunado comentario. Foi en resposta a un vídeo no que outra tiktoker, ALE F. no que expresaba que o seu maior medo era ten "unha instagram face" e subía un collage con varias influencers cun filtro no que semellaban moi antinaturais. A Lola Lolita non llle fixo graza e comentou "é bautista?", empregando esta expresión e sendo un perfil con moitos seguidores e cun altofalante que debería ser exemplo. Ante isto houbo comentarios de usuarios deste estilo: "De por si que unha persoa comente algo así é para facelo mirar, pero ti? Unha tiktoker bastante recoñecida comentando algo así? Que clase de imaxe e exemplo estás dando, por Deus que pouca educación". A día de hoxe, Lola Lolita non se pronunciou sobre este tema, pero por desgraza, non é a única que emprega a expresión ou a segue empregando.
A que se están referindo coa palabra "bautista"? O que significa asociar ás persoas con TEA con algo do que poder facer burla ou insultar. Algo para atacar a alguén e rirse xuntos, non empregar esta expresión, é unha condición e forma de vida. Só hai que buscar a palabra no buscador de Tik Tok para entender en que contextos se está empregando.
"ESTE TIPO DE COUSAS NON SE PODEN CONSENTIR"
Contactamos coa Federación Autismo Galicia para coñecer a súa visión ante esta situación. "Como organización que representa persoas con autismo e familias, instamos a un uso responsable no tratamento da palabra autismo ou autista, tanto sexa por representantes públicos, personalidades...", afirma Adriana Pazos Ottón, responsable en incidencia social e comunicación. Consideran que Tik Tok é unha plataforma que se "move nuns ámbitos onde non hai unha rigorosidade específica, información contrastada, senón novas maneiras de comunicación". Isto conleva a emisión de opinións "sen fundamento, que sen querer fan moito dano no avance social e na inclusión do colectivo relacionado co autismo". Así, pese a non emprega a palabra autismo porque non se pode empregar de forma pexorativa, segundo expresa, deciden modificala para que "non se poida aludir directamente a un mal uso do termo". Porén, non quita que "ao empregalo como base, queda clarísimo que sinalan ao colectivo".
Ante os comentarios, hai voces de persoas relacionadas co autismo que reaccionan, polo que a Federación fai fincapé no seu deber de "respaldar a estas familias e persoas con autismo" que están defendendo que non se pode empregar o termo desta maneira. Empregar a palabra autismo dunha forma consciente "permite contribuír a un mundo máis inclusivo e respetuoso para todos, ese debería ser o obxectivo como sociedade". Consideran que empregar este termo desta maneira non favorece a inclusión, senón a vinculalo con estigmas: "É igual quen mande a mensaxe, parécenos que como sociedade estamos nun punto no que este tipo de cousas non se poden consentir, temos que axudar a que o coñecemento nos axude a coñecer a realidade e xerar empatía e, así, favorecer á inclusión".
EN QUE CONSISTE O AUTISMO? ESTÁ A SOCIEDADE CONCIENCIADA?
A pesar de que, parece que cada día o autismo se coñece máis, por moitas personaxes en películas ou series, que parecen representalo, o autismo "é unha realidade social que se descoñece e da que se sabe pouco". Adriana define o termo: "O autismo é unha condición neurobiolóxica, que afecta ao sistema nervioso, ao neurodesenvolvemento, e ao funcionamento cerebral. Isto produce dificultades na comunicación e interacción social, así como na flexibilidade do pensamento e no comportamiento e conducta, de quen o presenta. Na actualidade non é posible determinar unha causa única de aparición, pero hai unha forte implicación xenética. Por outra parte, sucede que presenta unh gran variablidade, por iso se chama Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), porque o autismo é un espectro, atopamos que hai persoas con discapacidade intelectual asociada, que tamén teñen autismo; e persoas con autismo sen discapacidade intelectual asociada, que é o que se denomina síndrome de Asperger".
Tanto unha cousa como a outra conleva unha serie de necesidades particulares, que condicionan a súa vida diaria. A nivel social, recoñece, que se descoñece toda esta variabilidade e especificidade, que se manifesta de maneira diferente en cada persoa. Isto incide en que "o TEA sexa invisible tamén porque non leva asociado ningún rasgo físico diferenciador". Afonda noutro punto cando a xente comenta "é bautista" e se asocia a un derminado comportamento: "Comentan sen importar no que inciden ou se son respetuosos co autismo, que é unha diferenza, polo que está habendo falta de sensibilidade cara ás diferenzas, máis aló de se ten autismo. É condenable polo feito de empregar o termo para estigmatizar unha diferenza no comportamento, mentres como sociedade deberiamos evolucionar cara a aceptación das diferenzas de todos os individuos".
OS ESTEREOTIPOS IMPERANTES
Desde Autismo Galicia aportan o dato de casos de prevalencia de TEA, hoxe por hoxe, é dun caso por cada 100 nacementos, falamos de máis 450.000 persoas en España e máis de 27.000 en Galicia. Entón, unha das primeiras cousas que hai que entender é que "no autobús, no colexio ou en calquera ámbito, podemos ter a unha persoa con autismo ao noso carón e non sabelo". O mundo é plural e as persoas con autismo están no mesmo. Un dos estereotipos que se ve, en ocasións, nos medios é que se retrata "sen relación coa discapacidade intelectual". Exemplifica o caso coñecido de Shedon da serie Big Bang Theory, unha personaxe con altas capacidades. "Non todas teñen altas capacidades e as persoas con autismo tamén, aínda que teñan altas capacidades, teñen dificultades na súa comunicación", sostén.
Está asociado ao estereotipo de que as persoas con TEA non se comunican, non é asi, desmente. Senten, aínda que non todos o fan mediante unha mensaxe verbal, como sucede con todas as habilidades de interacción social, as persoas con autismo poden comunicarse doutras formas, pero sempre se comunican. Menciona a popular e máis común frase "viven no seu mundo" empregada de forma pexorativa: "É incorrecta, só coloca unha etiqueta que non favorece á integración social. Viven no noso mundo coma nós e relaciónanse cos demáis, pero con dificultades e tentando superarse día a día".
Como outro estereotipo apunta á ligazón do trastorno co illamento, a soidade ou a que elixen estar sós. "Non é certo, desfrutan da compañía e gústalles facer actividades en grupo, temos moitos nenos, rapaces e adultos que fan vela ou surf,...", comenta Adriana. Se ben é certo, explica, que debido á hipersensibilidade que teñen hai ocasións nas que os "sentidos se saturan e teñen que retrotaerse para regularse". Da mesma forma que lle pasa a alguén sen esta condición cando nunha reunión estamos con moita xente, algo que as persoas con autismo senten de forma ampliada. O feito de regularse en determinadas situacións sociais non pode traducirse en que lles guste vivir illados ou non lles interese. Así, considera que moitas veces a contorna é a que non facilita a inclusión, nin comprende nin se adapta ás características e necesidades, polo que se xera o rexeitamento social. "Tampouco é certo que eviten o contacto físico ou mirar aos ollos, cústalles comprender o noso mundo, pero necesitan das nosas atencións e cariño e queren participar activamente na sociedade", afirma.
Fai fincapé en sinala o estereotipo de considerar o autismo como unha enfermidade e non como o que realmente é, unha condición. A persoa nace con esa condición que a vai acompañar ao longo da súa vida, aínda que as manifestacións irán cambiando, en relación ás etapas vitais, desde a infancia ata a idade avanzada. "Hai que ter en conta, que se unha persoa teña ou non discapacidade asociada, vai ter problemas ou dificultades na súa comunicación, e probable que precise apoio psicolóxico ao longo da súa vida", expón.
O DIAGNÓSTICO
O diagnóstico de TEA pode darse a diferentes idades, dependendo da singularidade que presente cada persoa. En primeira instancia, advírtese dentro do ámbito familiar e escolar, xa que son as persoas achegadas cun maior coñecemento do que pode ser un desenvolvemento diferente nese neno ou nena. Tal e como comenta a responsable de Autismo Galicia, a partir de que o pediatra, educador ou familia detectan sinais de alerta, derívase á familia e ao neno ás unidades de neuropediatría, neuroloxía, psiquiatría para as probas diagnósticas. Nestas tense en conta todo o contexto da persoa cun estudo multidiferencial e multidisciplinar. "A detección precoz é de gran importancia, xa que pode manifestarse nos primeiros tres anos. Canto antes se detecta, antes poderemos intervir co tratamento e mellor será a evolución desa persoa", manifesta.
Nos casos de persoas con autismo que non teñen discapacidade intelectual asociada, "o diagnóstico retrásase e hai persoas que son diagnosticadas de adultas". Destaca que se diagnostican máis mulleres, xa que antes se pensaba que "por cada catro homes ou nenos, había unha muller ou nena". Na actualidade estase vendo que houbo certo sesgo de xénero no diagnóstico porque "as mulleres enmascaraban máis as características do autismo". Outra liña habitual é que a raíz do diagnóstico nos cativos, tamén se detecte nalgún dos proxenitores. "Hai diagnósticos máis tardíos, pero evolucionou moito nos últimos anos i é máis efectivo e rápido", considera Pazos Ottón e reitera que non está demostrado científicamente que a implicación xenética que ten o autismo, sexa a causa única da súa aparición: "Porén, habería probabilidades de que se o teu neno teña autismo, ti poidas ter trazos ou viceversa".
A VIDA CON AUTISMO
Como é a vida dunha persoa con TEA? "O neno ou nena, e máis a súa familia, precisan apoios e distintos servizos especializados e específicos, que lles axude a desenvolver capacidades. Unha persoa desde que é diagnosticada ten unha serie de apoios, a Federación conta con 15 entidades, que ofrecen apoio e unha rede de servizos: de valoración e diagnostico, residencial, de promoción da autonomía persoal, ocio e tempo libre, conciliación, asesoramento, inserción laboral... Todo depende de cada caso persoal e de como lles afecta a condición que presentan".
Para concluír, desde Autismo Galicia retoman a cuestión inicial deses desafortunados comentarios en Tik Tok. Ante isto, en palabras da súa responsable de incidencia social e comunicación: "Eu respondería a eses comentarios expoñendo que o descoñecemento e falta de sensibilidade non exime da responsabilidade para coa sociedade, en xeral. Ante todo, respecto ás diferenzas, e empregar esa palabra de forma conciente. Que unha persoa con autismo é ante todo unha persoa e que iso non a define, senón que é unha caracteristica máis. A sociedade debe entender que hai outro tpo de sensibilidades coas que hai que convivir porque as diferencias aportan á sociedade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.