Seguimento "total" no inicio do paro indefinido na recollida de lixo en Carballo

O sindicato CIG destacou que, tras meses de negociación e das 28 xornadas de folga previas, a empresa "non só continúa sen achegar unha proposta de incremento salarial digna, senón que nas últimas semanas mesmo a empeorou, presentando unha oferta que practicamente suporía deixar as retribucións de 2024 conxeladas".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/09/2024 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O sindicato CIG destacou o "seguimento total" na folga indefinida no servizo de recollida do lixo, a limpeza de rúas e a canceira do municipio de Carballo, que arrincou ás 22.30 horas deste domingo, en demanda dun convenio colectivo digno. Nun comunicado, a central nacionalista asegura que ao paro chégase tras a falta de avances na negociación coa empresa concesionaria, UTE Carballo (Urbaser e Servizos Galegos de Lacería), que segue sen trasladar unha "proposta económica xusta".

O responsable da CIG en Carballo, Martín Caamaño, explica que o seguimento na quenda de noite foi total e que no de mañá só entrou a traballar o persoal designado como servizos mínimos. Ademais, indicou que, para dar máis visibilidade á súa loita, ao longo desta semana os traballadores e as traballadoras mobilizaranse polas rúas do centro da localidade.

O representante sindical sostén que, tras meses de negociación e das 28 xornadas de folga previas, a empresa "non só continúa sen achegar unha proposta de incremento salarial digna, senón que nas últimas semanas mesmo a empeorou, presentando unha oferta que practicamente suporía deixar as retribucións de 2024 conxeladas, a pesar de que todas as categorías da UTE Carballo están a día de hoxe no SMI". "A proposta de Urbaser non pode cualificarse máis que de burla, porque significaría, para un peón de día, cobrar dous euros máis ao mes. E aínda por encima só se percibirían atrasos desde xuño", denuncia.

Por iso, critica que, coa súa actitude, a empresa non lle deixa outra saída ao persoal que ir á folga e intensificar as mobilizacións para lograr un convenio digno e unhas mellores condicións de traballo. A este respecto, lembra que, máis aló dos incrementos salariais, a UTE Carballo tampouco acepta outras demandas da parte social, como o establecemento dun complemento de IT no caso das baixas por enfermidade profesional ou común. O sindicato sinala que Urbaser "é unha multinacional que gaña millóns de euros e que goza de numerosas concesións públicas, mentres ten ao seu persoal cunhas condicións de miseria".

Persoal do servizo de recollida de lixo do Concello de Carballo
Persoal do servizo de recollida de lixo do Concello de Carballo | Fonte: CIG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta