A CIG cre que a subida de servizos mínimos da folga de Maitours impide que a maior parte do persoal a secunde

O sindicato criticou que Alsa siga negándose a negociar e avanzar nun acordo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2024 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

A CIG denunciou este mércores que o incremento dos servizos mínimos da folga de Maitours, do grupo Alsa, impide que a maior parte do persoal "poida exercer o seu dereito fundamental". Nun comunicado, a organización sindical criticou que a Xunta aumentase "un 300%" os servizos mínimos establecidos, coincidindo co inicio do curso escolar "e sen que ata o momento a Administración galega, responsable do contrato, mostrase o máis mínimo interese nas demandas dos traballadores desta empresa".

Coa nova orde, segundo indica o responsable de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, a Xunta "impón o funcionamento do 80% dos servizos diarios", polo que "impide que a maior parte do persoal pode exercer o seu dereito".

Por todo iso, avanzou que o sindicato recorrerá estes servizos mínimos. "No canto de implicarse na procura dunha solución, o que busca a Xunta é rebentar a folga impondo uns servizos de máximos", engadiu Pastoriza.

Así mesmo, criticou que tras case dous meses de folga, Alsa siga negándose a negociar e a avanzar nun acordo. "Antes ou despois a empresa terá que aplicar o convenio provincial, porque así o establece a normativa laboral e porque así o determinou unha sentenza xudicial", sentenciou, apuntando cara á "falta de interese" do Concello de Ferrol, a pesar de que a folga afecta o servizo de transporte urbano. "A empresa está desaparecida, a Xunta está desaparecida e o Concello está desaparecido, pero os traballadores seguen loitando e seguirán ata que se garantan os seus dereitos", subliñou.

Autobús de Alsa transfronteirizo. ALSA
Autobús de Alsa transfronteirizo. ALSA

En declaracións a Europa Press, Pastoriza lamentou non entender o porqué deste aumento dos servizos mínimos, xa que a Xunta xustifícao pola volta ás xornadas lectivas, pero a compañía non realiza transporte escolar, senón que se dedica a facer viaxes urbanos en Ferrol, Narón e Neda.

Segundo as súas cifras, preto dun 90% do persoal indefinido secunda a folga, pero matizou que hai moitos condutores contratados que son eventuais e estes non a levan a cabo pola súa situación persoal. Ademais, indicou que a semana que vén responsables e delegados de Transporte da CIG de toda Galicia uniranse para analizar a extensión do conflito a outras partes da Comunidade se non se soluciona pronto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta